Cando? O sábado 23 de maio ás 19:00 horas
Onde? Na Pousada do Boieiro, en Esgrade (Cubilledo-Baleira)
En que consiste o evento? Na presentación do libro “Laudatio funebris” e na actuación do Grupo 1500
O libro
Que significaba morrer na Idade Media? Os prantos galego-portugueses amósannos un conxunto de prácticas culturais nas que a morte non era só un feito biolóxico, era tamén un acto social, político e artístico.
Estes poemas musicados, creados no ámbito cortesán e relixioso para conmemorar a morte dunha persoa, con ecos na tradición popular, transmiten unha pluralidade de voces e revelan como se construían formas colectivas de memoria, identidade e poder. Neles recoñecemos non só a dor e o consolo, senón tamén a súa sofisticación estética, encargos dinásticos para afirmar liñaxes, exercicios de memoria colectiva ou formas de devoción.
Redescubrilos hoxe é unha oportunidade para volver a un tempo no que a morte se representaba, cantaba e ritualizaba para dotala de sentido, deixando un legado literario, lingüístico e emocional que segue a interpelar a nosa sensibilidade contemporánea.
Os autores:
Eva Moreda é catedrática de musicoloxía na Universidade de Glasgow e escritora en lingua galega.
Andrés Díaz Pazos é un recoñecido músico e investigador especializado no período tardomedieval e primeiro Renacemento e investigador e divulgador no ámbito do patrimonio científico e da organaría galega.
Grupo 1500: O Grupo 1500 é unha formación musical galega de música antiga, tanto vocal como instrumental, dedicada á interpretación de repertorios históricos, dirixida por Andrés Díaz, coautor do libro
A Pousada do Boieiro: Durante máis de dúas décadas Tino Díaz recolleu a historia familiar na súa antiga casa de Esgrade, coñecida na contorna como a Pousada do Boieiro. Este traballo transformou a casa nun museo no que a pousada e a cultura labrega tecen os espazos
Esgrade é un lugar da parroquia de Cubilledo, no concello de Baleira, a media hora de Lugo