O BNG apoia á veciñanza da montaña lucense que sae á rúa en Lugo para esixir “unha atención sanitaria digna e estábel” no rural

A veciñanza da montaña lucense concentrouse este xoves diante do edificio multiusos da Xunta de Galiza en Lugo para denunciar a situación límite que atravesa a atención sanitaria na comarca e reclamar medidas urxentes que garantan unha sanidade pública de calidade no rural.


A mobilización serviu para trasladar “o malestar crecente dunha veciñanza cansada de anuncios baleiros e promesas que nunca se cumpren”, segundo explicou Amelia Amigo en representación das persoas convocantes. “Levamos anos escoitando compromisos por parte do Partido Popular, pero a realidade é que cada vez temos menos servizos, menos persoal e máis dificultades para acceder a unha consulta médica”, denunciou.


Durante a concentración, a veciñanza advertiu de que a situación sanitaria na montaña “é insostíbel”, especialmente en concellos como Cervantes, Navia de Suarna. Pedrafita ou Becerr onde a falta de persoal e a precariedade da atención obrigan a moitas persoas a realizar longos desprazamentos para seren atendidas.


“A dispersión da poboación, o avellentamento e a ausencia de transporte público fan que acceder á sanidade sexa unha auténtica carreira de obstáculos para moita xente”, sinalaron. Nese sentido, denunciaron que hai persoas maiores que dependen doutras veciñas ou familiares para acudir ao médico e mesmo casos nos que se ven obrigadas a pagar desprazamentos privados para poder recibir atención sanitaria.


Amelia Amigo advertiu tamén de que “o abandono da atención primaria no rural non é algo puntual nin unha incidencia concreta, senón o resultado dunha política continuada de recortes e falta absoluta de planificación por parte da Xunta”. Así mesmo, lembrou que distintos informes do Consello de Contas xa alertaron das graves carencias existentes na atención primaria galega.


As persoas mobilizadas insistiron en que “non pode existir equilibrio territorial nin futuro para a montaña se non se garanten servizos públicos básicos en igualdade de condicións”. Por iso, acusaron ao Goberno galego de “tratar a veciñanza do rural como cidadanía de segunda”.


Entre as principais demandas da protesta, reclamaron a reapertura inmediata do consultorio de Doiras, a cobertura estábel e permanente do persoal sanitario en Cervantes e Navia de Suarna, así como un reforzo real da atención primaria en toda a montaña lucense.


“O dereito á sanidade pública non pode depender do lugar no que vives nin dos teus recursos económicos. Vivir no rural non pode converterse nun castigo”, concluíu Amelia Amigo.

A veciñanza asegurou que continuará coas mobilizacións mentres a Xunta de Galiza non adopte solucións reais que garantan unha atención sanitaria digna para todas as persoas da montaña lucense.

Comparte éste artículo
No hay comentarios