Rubén Arroxo candidato á alcaldía de Lugo no 2027

O actual portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, será o candidato do BNG á alcaldía de cara ás eleccións municipais do 2027 tras ser refrendada a súa candidatura pola maioría da asemblea local do BNG celebrada no día de hoxe. Rubén Arroxo agradeceu a confianza da militancia do BNG e afirmou que comeza a traballar  “nun novo reto: conseguir que en 12 meses Lugo volva ter un goberno de progreso liderado polo BNG”. Segundo Arroxo, “desde o BNG aspiramos á alcaldía, é o mellor momento da historia para facelo”.

Arroxo reivindicou tamén o traballo desenvolvido polo BNG durante os últimos sete anos no goberno municipal, asegurando que “foron 7 anos dun goberno de dignidade, de seriedade e de moito traballo”, nos que “conseguimos grandes transformacións para a nosa cidade”. O candidato do BNG afirmou que “o Partido Popular foi incapaz de cuestionar un só proxecto impulsado polo BNG durante estes anos”, e asegurou que “iso demostra a capacidade de xestión e de transformación do Bloque cando ten responsabilidades de goberno”.

O candidato nacionalista sinalou ademais que “a inmensa maioría do traballo que fixemos sempre o fixemos escoitando á veciñanza”, e avanzou que o BNG “seguirá estando ao lado dos veciños e veciñas desde a oposición, coa mesma responsabilidade e coa mesma vontade de mellorar Lugo”. Rubén Arroxo afirmou que ao PP non lle importa Lugo e puxo o exemplo dos investimentos da Xunta nos últimos 17 anos “paralizando proxectos como a recuperación da Tinería, o Museo da Romanización ou o Plan Paradai”. Fronte á “parálise” que supuxo o PP para Lugo, “desde o BNG imos seguir traballando por e para os veciños e veciñas, desde o convencemento de que Lugo merece máis”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios