Partido transcendental de La Goleta na Fase de Ascenso

Unha vitoria contra Artai Calvo deixaría os betanceiros cun pé en Segunda División.

Xornada de emocións fortes para o Santo Domingo Betanzos na fin de semana do 23 e 24 de maio: La Goleta, tras gañar en Vilalba por 61-74 a xornada pasada, recibe na casa ao conxunto carballés de Artai coa posibilidade de sumar a cuarta vitoria en catro partidos e deixar “a punto de caramelo” o ascenso a Segunda División Autonómica a falta de dúas xornadas. O encontro, que se prevé disputado en tanto os rivais intentarán queimar os seus últimos cartuchos na Fase, terá lugar o domingo ás 17h no pavillón municipal José María Valeiro Iglesias “Tocayo”.

Final da Coruña para o Grelo e xornada de Copa para os júnior e o sénior de Terceira

Polo demais, nunha xornada en que o Grelo Cadete xoga por partida dobre (o sábado a Final da Coruña contra Basquet Coruña e o domingo na súa estrea na Copa Júnior, cun partido de oitavos contra Montrove) o equipo de Terceira Autonómica mídese en cuartos de final a Laracha en cita copeira e o Texas Controls júnior estréase na mesma competición contra Los Rosales en oitavos. No que toca aos infantís de Cyrdega, o equipo xoga o oitavo posto da liga contra Maristas, as cadetes de Decornaveira intentarán atar a quinta posición da súa competición contra Calasanz e, polo que respecta aos equipos de canastra pequena, os únicos en saír á pista serán os Premini, masculino, que se han medir a Basquet Coruña U9 o domingo 24 na Sagrada Familia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios