O Club de Golf da Zapateira acolleu a segunda parada dun circuíto internacional que na pasada edición reuniu máis de mil persoas nas súas diferentes sedes.
A campaña de promoción enogastronómica da Deputación da Coruña ‘A paisaxe que sabe’ continúa a súa presenza no 6.º Circuíto Internacional de Golf TUR 43 – 3.º Circuíto de Croquet TUR 43. Após pasar polo Real Aeroclub de Santiago do pasado día 16, hoxe celebrou hoxe na Coruña a súa segunda cita da temporada no Club de Golf da Zapateira.
A través dun posto propio integrado no evento, a marca de Turismo da Deputación achega o produto agroalimentario da provincia a un público segmentado, vinculando gastronomía, territorio e turismo experiencial nun contexto deportivo e de calidade ao redor de dúas disciplinas en expansión como son o golf e o croquet.
Nesta segunda parada do circuíto participaron catro produtores da provincia: Lenatt Food, Gallegas de Nata e Cafés Aruba, da Coruña, e Algareira, de Vimianzo, que deron a coñecer os seus produtos entre as persoas asistentes ao evento.
A proposta procura poñer en valor o produto local, incrementar a visibilidade directa dos produtores e produtoras da provincia e crear unha experiencia gastronómica diferencial dentro do propio circuíto. Ademais, a acción pretende impulsar a promoción e comercialización do produto de proximidade en contornas asociadas á excelencia e ao turismo premium.
A actual é a sexta edición do circuíto internacional de golf e a terceira do circuíto de croquet TUR 43, unha iniciativa consolidada que na pasada edición congregou máis de mil persoas ao longo das distintas probas celebradas en Galiza, Asturias e Portugal.
A presenza de ‘A paisaxe que sabe’ prolongarase nas próximas citas do calendario, reforzando a visibilidade da marca Deputación da Coruña nun espazo que conecta deporte, turismo e gastronomía. O circuíto despide o mes de maio coa proba celebrada hoxe na Coruña e retomará a competición o vindeiro 6 de xuño no Iberik Augas Santas Balneario e Golf de Pantón, en Lugo.
O calendario completarase posteriormente con novas paradas en Xixón, Chaves e Oviedo ao longo dos meses de xuño, xullo e setembro.