O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, reclamou este venres un reforzo “real, estrutural e permanente” do dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais en Galicia ante o incremento das temperaturas globais, a maior virulencia dos lumes e os atrasos que, segundo denuncia a formación, seguen acumulando as administracións públicas en materia de prevención forestal.
Desde UCIN Galicia advirten de que a comunidade afronta un verán “especialmente delicado” debido ao avance do cambio climático, ás previsións de temperaturas por enriba da media e á acumulación de biomasa e parcelas sen limpar en numerosos municipios galegos.
A formación considera insuficiente o actual operativo autonómico, que ronda os 7.000 efectivos sumando diferentes administracións e servizos auxiliares, e reclama un incremento progresivo de entre 2.000 e 3.000 profesionais máis nos próximos anos, apostando especialmente pola contratación de persoal fixo e estable durante todo o ano.
“Galicia non pode seguir dependendo cada verán de contratacións temporais mentres os incendios son cada vez máis agresivos, máis rápidos e máis imprevisibles. O monte
necesita prevención continua os doce meses do ano”, afirmou José Luis Calo.
UCIN Galicia sostén que a política forestal actual continúa excesivamente centrada na extinción durante os meses de maior risco, mentres persisten importantes carencias en prevención, limpeza, vixilancia e mantemento das faixas de protección.
A agrupación lembra que o próximo 31 de maio remata o prazo legal para a limpeza das faixas secundarias arredor das vivendas e denuncia que milleiros de parcelas continúan sen acondicionar en toda Galicia, incluíndo tamén propiedades municipais en numerosos concellos.
Segundo sinala UCIN, entre un 40% e un 60% dos municipios galegos seguen operando con máis dunha década de atraso na redacción e aprobación dos seus Plans Municipais de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, unha situación que consideran
“extremadamente preocupante” nun contexto de emerxencia climática crecente.
A formación tamén critica os atrasos rexistrados na aprobación do PLADIGA e
considera que Galicia necesita “un cambio profundo de modelo” baseado na prevención permanente, no reforzo dos medios humanos e na profesionalización definitiva do operativo forestal.
“Os propios traballadores levan anos advertindo da falta de persoal estable, do envellecemento dos cadros e da precariedade dunha parte importante do dispositivo. As administracións non poden seguir mirando cara outro lado”, sostivo Calo.
UCIN Galicia reclama ademais:
- A creación de máis brigadas permanentes durante todo o ano.
- O incremento do número de bombeiros forestais e axentes ambientais.
- Maior investimento en prevención e limpeza forestal.
- O reforzo dos medios técnicos e aéreos.
- A mellora das condicións laborais do persoal contraincendios.
- Plans municipais actualizados en todos os concellos galegos.
- Maior coordinación institucional entre Xunta, deputacións e municipios.
Desde a formación advirten de que os episodios de calor extrema rexistrados nos últimos anos, unidos ao aumento global das temperaturas, están convertendo Galicia nun territorio cada vez máis vulnerable aos grandes incendios forestais.
“Cada ano chegamos tarde. E cada ano o risco é maior. Ou se reforza seriamente o operativo ou Galicia volverá afrontar veráns de enorme perigo”, concluíu José Luis Calo.