Se a provincia de Ourense ficaba onte sen representantes no terceiro chanzo do fútbol español, podería mudar esa realidade no próximo fin de semana se a I.D. Ourense non perde en La Feunsanta. Os vermellos, nun partido táctico, ante un rival con máis músculo, soubo vivir da intelixencia para dar o primeiro paso no camiño do ascenso. Unha xogada traballada pola dereita, coa calidade na execución de Samuel e Santi de Prado, que anotou de cabeza, permitiu ao cadro galego gañar o partido de ida da eliminatoria definitiva polo ascenso a Primeira Federación.
Fútbol racional e paciente
Partido de calor, fóra e dentro do verde. 35 grados de temperatura marcaban os termómetros farmacéuticos á beira do Couto, ao que se sumaba o calor dun campo ateigado e a tensión propia dun partido de máxima intensidade.
O Conquense, moi físico, buscando profundidade cos seus carrileiros moi ofensivos, fixeron que o Ourense se decatara que o partido era a 180 ou 210 minutos fronte un rival de altura e de músculo ante o que había que circular moito, rápido e con precisión, que obrigaba a buscar o seu sitio permanentemente a Manu Núñez, ao que o Conquense non lle concedeu espazos.
O partido precisaba máis racionalidade por parte galega, paciencia e capacidade de traballo. Aconteceu iso no minuto 38, nunha acción moi ben estruturada que acabou liberando o carreiro de Samuel. O lateral recibiu cómodo, achegouse até a liña de fondo desde onde fixo o correcto. Mediu o centro para a chegada en carreira de Santi de Prado, que cunha espectacular cabezada cruzou por alto ao fondo da rede. Quinto gol ligueiro do carrileiro-extremo nesta campaña.
Unha boa estruturación de chanzos polo lado esquerdo, con vantaxe no duelo de parellas verticais, foi definitivo na sorte da xogada.
No prolongamento, o ex meta do Arenteiro, Adri López, tivo problemas para coller un centro de Migui, ao que non chegou Rufo con claridade.
Traballo e máis traballo
O Conquense apertou na saída do segundo tempo. Aos tres minutos, a axilidade de Rielo deulle para desviar un disparo na área de Ale Sánchez. Logo do saque de esquina, o mesmo centrocampista recolleu o rexeitamento defensivo para disparar desde fóra da área unha pelota que pasou perto do traveseiro.
O cadro vermello non se encolleu e respondeu de inmediato cunha chegada pola dereita de 22, cuxo pase atrás foi recollido por Rufo, quen xutou alto.
Os dous técnicos comezaron a mover os bancos, pero ningún dos dous era quen de crear desequlibrios. O Conquense era quen máis control tiña da pelota, pero enfronte tiña un rival moi responsabilizado coas distancias e o control dos espazos, sen permitir incrustacións entre as liñas que quebraran a estrutura defensiva.
En ataque, algunha acción intermitente, como a de Youssef, no minuto 75, que tirou o desmarque polo interior para entrar na área. Santi Perea sacou a punta de velocidade final para meter a biqueira e desviar o xute.
As poucas forzas para que os locais atacaran estaban nas pernas de Justino, quen nun par de veces xerou perigo. Primeiro por velocidade e despois pola súa habelencia co balón nos pés.
O prolongamento de seis minutos comezou cunha forte presión dos visitantes, que forzaron dous saques de esquina consecutivos nos que os conquenses empregaron dúas xogadas diferentes, ben defendidas pola zaga vermella.
O Ourense viaxara a Cuenca sen coñecer a derrota nos últimos seis partidos e cunha importante diferenza en relación ao comezo da eliminatoria. O gol de Santi de Prado permite que agora sexa o equipo galego quen poda beneficiarse do empate ao remate dos 90 minutos.
Ficha
DOMINGO 24/05/2026 (17,00) Campo: O COUTO (5.000)
U.D. OURENSE : 1 – U. BPDCA. CONQUENSE : 0 (1-0)
OUR : Rielo; Samuel, Labrada, Lucas, Simón; Migui (Justino 52’), Champi (Roi 87’), Manu Núñez (Varo 73’), Parrilla, Santi de Prado, Rufo (Youssef 52’). Tre. Borja Fernández. (Banco: Yoel (g); Ricardo; Busto; Fernando; Osián).
CON : Adri López; Herbert, Santi Perea, Olaortua (Luis Martínez 57’), David López, Eghosa; Kain (Quique 69’), Vique Domingos (Mario 82’), Isuskiza (Diouf 57’), Ale Sánchez; Álvaro Sánchez. Tre. Róber Gutiérrez. (Banco: Atanes (g); Iribarren; Nacho Ruiz; Motilla)
Goles: 1-0 Santi de Prado 38’.
Árbitro: Collado Fernández (Asturias). Auxiliares: Bakkali Zaidi e Toral de la Iglesia. 4º árb.: Bakali Bentaleb.
Disciplina: CA: Olaortua 45’; Vique Domingos 55’; Youssef 61’.