A campaña da Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua ofrecerá unha charla sobre o uso da aplicación colaborativa Galicia Nomeada a partir das 19:30 horas na Casa da Cultura de Valdoviño.
O concello de Valdoviño acollerá este venres a primeira parada deste ano de Toponimízate, Falámosche dos nomes da túa terra na provincia da Coruña. O público que asista á charla da campaña da Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua aprenderá como empregar a aplicación de Galicia Nomeada para participar na recolle colectiva de nomes de leiras, fragas, regos, fontes e demais microtopónimos, ademais de coñecer a orixe e o significado dos topónimos maiores deste municipio. A sesión, de entrada libre, terá lugar na Casa da Cultura de Valdoviño a partir das 19:30 horas.
O alcalde, Alberto González Fernández, e a concelleira de Cultura, Rosa Ana García López presentarán a charla, que correrá a cargo de Vicente Feijoo, filólogo da RAG e coordinador técnico de Galicia Nomeada. Foi o propio rexedor, arqueólogo de profesión,quen amosou o seu interese na recuperación da microtoponimia de Valdoviño ao comprobar na aplicación Galicia Nomeada que practicamente a totalidade do seu territorio estaba sen recoller. O termo municipal non fora obxecto dos traballos de recollida na época en que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011), e é ademais un dos concellos coruñeses en que menos achegas de topónimos se fixeron desde a posta en marcha do proxecto colaborativo Galicia Nomeada en 2019.
Entre outros contidos, o especialista en toponimia explicaralle ao público como darse de acta na plataforma e como funciona a aplicación para engadir topónimos que, ademais de rexistrarse coa súa xeolocalización, poden acompañarse de audios, imaxes, documentos ou vídeos. “Desde a posta en marcha de Galicia Nomeada, lévanse engadido a través dela máis de 110.000 microtopónimos por todo o territorio galego”, detalla Vicente Feijoo.
O relatorio concluirá coa parte dedicada ás historias que agochan os nomes das parroquias e lugares do concello. “Cómpre salientarmos que Valdoviño é un municipio cunha gran riqueza toponímica, pois son moitos os nomes de lugar únicos que só aquí podemos encontrar: Agrós, Aldarete, A Bedoxa, Casianes, Choupenete”, indica o filólogo. Esta parte da sesión conta coas achegas do académico de número Gonzalo Navaza no que atinxe ás etimoloxías dos nomes que se abordarán.
A campaña Toponimízate continuará durante xuño, antes do descanso estival, con dúas novas charlas. A primeira será en Betanzos o venres 5 de xuño a partir das 19:30 no Salón Azul do Edificio do Arquivo; e a segunda, en Baleira, o venres 26 de xuño a partir das 19:00 no Centro Sociocultural do Cádavo.