A UDC pon marcha o QuantumLab CITIC, un polo estratéxico para liderar a computación cuántica aplicada en Galicia

Con este paso, a UDC posiciona o CITIC como nodo de excelencia en tecnoloxías cuánticas grazas a un investimento estratéxico de 1,04 millóns de euros do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Axencia Estatal de Investigación, cofinanciado pola Unión Europea.

A Universidade da Coruña presentou hoxe o Quantum Lab do CITIC, un espazo científico estratéxico e interdisciplinar chamado a converterse nun polo de referencia en computación cuántica aplicada en Galicia. Así o explicou o reitor da UDC, Ricardo Cao, na presentación realizada na Reitoría da UDC, na que estivo acompañado por un dos investigadores do CITIC impulsores deste proxecto, Diego Andrade. A ela asistiron tamén o director do CITIC, Manuel G. Penedo, e o vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, JerónimoPuertas, xunto con parte do persoal investigador que participará nesta iniciativa. 

Quantum Lab do CITIC é unha infraestrutura clave para impulsar a investigación, a innovación e a transferencia tecnolóxica en Galicia, contribuíndo ao desenvolvemento dun ecosistema avanzado arredor das tecnoloxías cuánticas”, sinalou o reitor da UDC, Ricardo Cao, que engadiu que “coa posta en marcha desta laboratorio reforzamos o noso papel na estratexia global galega desta área de investigación”.

Pola súa parte, Diego Andrade, destacou que “o principal obxectivo é crear sinerxías entre os grupos de investigación, obter financiamento para novas infraestruturas e acadar unha maior capacidade investigadora neste eido, o que permitirá ter mais impacto na comunidade científica e transferir os resultados da investigación ás empresas da nosa contorna.

Pola súa parte, o director do CITIC, Manuel G. Penedo, subliña que “este laboratorio nace cunha clara vocación de transferencia: queremos que a computación cuántica deixe de ser teórica e se converta nunha ferramenta útil para a industria e a sociedade”.

O novo laboratorio configúrase como un espazo aberto e colaborativo, orientado á comunidade investigadora, centros tecnolóxicos e tecido empresarial. Todo co obxectivo de integrar a computación clásica coas tecnoloxías cuánticas emerxentes para abordar problemas de alta complexidade algorítmica que superan as capacidades da informática convencional.

Este impulso consolídase grazas a un investimento estratéxico de 1,04 millóns de euros do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Axencia Estatal de Investigación, cofinanciado pola Unión Europea, que reforza a posición do CITIC como nodo de excelencia en tecnoloxías cuánticas, con impacto en ámbitos como a saúde pública, a ciberseguridade industrial, a transición enerxética e as finanzas internacionais.

Un laboratorio interdisciplinar para a computación do futuro

O Quantum Lab CITIC configúrase como unha contorna de investigación avanzada onde converxen a intelixencia artificial, a computación de altas prestacións e a computación cuántica para o desenvolvemento de solucións híbridas.

Entre as súas principais liñas de investigación destaca o Quantum MachineLearning e a intelixencia artificial cuántica, centradas no deseño de modelos híbridos cuántico-clásicos capaces de procesar datos complexos en escenarios de alta incerteza.

Outra liña clave é o benchmarking de arquitecturas cuánticas, orientado a avaliar o rendemento de sistemas cuánticos fronte á supercomputación clásica, determinando a súa madurez tecnolóxica e a súa aplicabilidade industrial.

No ámbito da saúde e a biomedicina dixital, o laboratorio desenvolverá algoritmos para a análise automatizada de rexistros médicos, en colaboración con institucións clínicas internacionais. Mentres que, noutros ámbitos, como nas finanzas cuantitativas, o laboratorio traballará no deseño de algoritmos para a optimización de carteiras e a modelización de riscos en escenarios financeiros complexos, en colaboración con entidades internacionais do sector.

Infraestrutura híbrida e equipamento avanzado

O Quantum Lab CITIC dispón dunha infraestrutura tecnolóxica deseñada para a investigación cuántica de nova xeración. Entre os seus principais recursos destaca un sistema físico SpinQ de tres qubits baseado en resonancia magnética nuclear, destinado á experimentación, docencia avanzada e validación de algoritmos.

O laboratorio contará ademais cun emulador cuántico de nova xeración desenvolvido no CITIC, concibido para a simulación a grande escala de circuítos cuánticos complexos e a optimización de algoritmos en contornos libres de ruído.

Esta infraestrutura intégrase cos sistemas de Computación de Altas Prestacións do CITIC, permitindo fórmulas híbridas nas que a computación clásica e a cuántica traballan de forma coordinada para maximizar a eficiencia dos procesos.

Así mesmo, o laboratorio incorpora equipamento en comunicacións cuánticas e criptografía, orientado ao desenvolvemento de solucións avanzadas en ciberseguridade e transmisión segura de información.

Transferencia e colaboración co tecido industrial

O Quantum Lab CITIC concíbese como un espazo de coinnovación aberto a empresas e institucións, que poderán acceder á infraestrutura para probas de concepto, validación de algoritmos e desenvolvemento de proxectos piloto.

O laboratorio ofrece ademais servizos de benchmarking e auditoría tecnolóxica para avaliar a viabilidade real das tecnoloxías cuánticas antes da súa adopción industrial.

Un papel clave neste ecosistema desempéñao a Cátedra ITG-UDC en Tecnoloxía Cuántica, unha alianza entre a Universidade da Coruña e o ITG orientada á transferencia de coñecemento e á formación de talento especializado.

O proxecto articúlase ademais con redes estratéxicas como o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a Rede de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia e plataformas europeas como o Quantum Excellence Centre e ETP4HPC.

Proxectos e equipo

O equipo do laboratorio participa en varios proxectos europeos e nacionais centrados en computación cuántica, intelixencia artificial e as súas aplicacións. Entre eles, destaca un centro europeo de excelencia en tecnoloxías cuánticas onde se traballa na avaliación de arquitecturas cuánticas, xunto con iniciativas de cooperación entre España e Portugal para fortalecer o ecosistema cuántico ibérico. Tamén desenvolve proxectos que combinan IA e computación cuántica para analizar trastornos do sono e mellorar a predición en sistemas complexos mediante técnicas de deep learning.

Ademais, colabora en estudos sobre casos de uso en saúde e finanzas, na avaliación de sistemas cuánticos e en proxectos coa industria orientados ao descubrimento de fármacos e á mellora da eficiencia sanitaria.

Para levar a cabo estes proxectos, o Quantum Lab conta cun equipo multidisciplinar de investigadores do CITIC e da UDC especializados en computación cuántica, intelixencia artificial, matemáticas aplicadas e supercomputación.

O grupo está liderado polo director do CITIC, Manuel G. Penedo, xunto co subdirector do centro, Eduardo Mosqueira Rey, e o investigador Diego AndradeCanosa, quen impulsan a estratexia científica e de transferencia tecnolóxica do laboratorio. O equipo complétase con investigadores sénior, expertos en áreas como matemáticas aplicadas, supercomputación e arquitecturas híbridas, así como con novos talentos que traballan en liñas como o machine learningcuántico, a optimización algorítmica e a simulación híbrida.

Comparte éste artículo
No hay comentarios