A Universidade da Coruña pon en marcha o HUB Emerge, un espazo de participación e información da actividade desta alianza europea

Situado na Casa do Estudantado, pretende servir de impulsor e de elemento divulgador dos diferentes traballos e iniciativas deste Eurocampus formado por nove universidades europeas.

A Casa do Estudantado acolleu esta mañá o lanzamento do HUB EMERGE da Universidade da Coruña, un “espazo físico e simbólico no que esta alianza europea de nove universidades faise visible, accesible e compartida dentro do noso campus”, explicou o reitor da UDC, Ricardo Cao, na inauguración deste HUB, que contou con representación dos diferentes centros e titulacións da universidade. 

Esta alianza, subliñou Cao, “representa unha maneira moi concreta de entender a universidade europea: como servizo público, como institución comprometida co seu territorio, e como ferramenta de transformación social, construída desde a cooperación entre universidades diversas pero unidas por valores comúns”. Tal e como reflicte o propio nome da alianza, esta pon no centro valores como a inclusión, a sustentabilidade, a cohesión e a resiliencia institucional, que cobran especial importancia nun momento como o actual. 

Este evento supón un fito para abrir EMERGE á comunidade universitaria. Permitiu ademais facer balance dos traballos realizados nos distintos ámbitos do proxecto e marcar os obxectivos futuros, especialmente neste ano de despegue do proxecto e no que a UDC ostenta a presidencia do Eurocampus. 

Nove eixos 

O EMERGE organízase en nove paquetes de traballo. No primeiro, dedicado á gobernanza, formáronse xa os equipos de traballo e as formas de coordinación para avanzar nos diferentes obxectivos. 

No ámbito da conexión coa contorna e do compromiso social (2), realizouse un mapeo das iniciativas que xa se estaban a levar a cabo na UDCAvanzouse tamén nunha base de datos de entidades colaboradoras para prácticasna identificación de puntos de información para inmigrantes e no traballo cara a unsistema único de recoñecemento de prácticas extracurriculares. E, de maneira moi tanxible, está en marcha o programa Bridgecon bolsas de prácticas no verán. 

No núcleo académico (3), estanse a analizar oportunidades de converxencia en programas académicos con universidades socias doutros países: estancias curtas para aprendizaxe mixto do estudantado, do profesorado e do PTXAS; e a construción de titulacións conxuntas nos seus inicios, para as que a UDC propuxo dúas con gran seguimento: unha relacionada coa sustentabilidade e outra coa interculturalidade. Tamén se impulsa a realización de prácticas de máster e grao en entidades socias da alianza, que se promoverán nos próximos meses. E cómpre destacar especialmente a configuración dun itinerario europeo —unha iniciativa de innovación docente— que comezará co alumnado de mobilidade de Dereito, Turismo e Ciencias da Educación.

En mobilidade (4), o enfoque é claro: apoiar a mobilidade en toda a alianza,facéndoa máis inclusiva, accesible e sustentable. O principal fito ata o momento é a Estratexia Común de Mobilidade (CMS polas súas siglas en inglés), baseada nunha análise da situación de partida nos 9 socios, que identificou factores impulsores, facilitadores e barreiras para o alumnado, o PDI e o PTXAS. A CMS inclúe 31 accións a curto, medio e longo prazo, centradas en proporcionar información clara, orientación e apoio en todos os aspectos e fases da mobilidade. 

En aprendizaxe ao longo da vida e microcredenciais (5), a UDC avanzou na identificación do colectivo destinatario prioritario, centrado nas persoas maiores de 50 anos, e nas súas necesidades formativas, o que permitirá poñer en marcha iniciativas para a súa cobertura. 

En investigación (6), estase a construír infraestrutura estratéxica e oportunidades concretas. Hai un documento de base para unha Estratexia Investigadora. Está activo o Catálogo Aberto de Investigación e abertas as convocatorias de Third Places Fellowships. 

En linguas e capacitación (7), hai dúas iniciativas en marcha: un módulo online de oito semanas de inglés profesional dirixido a persoal administrativo universitario (de febreiro a abril) e o pilotaxe do primeiro programa de Tándems Lingüísticos para estudantes e persoal das institucións da alianza en catro linguas (español, francés, alemán e inglés). 

No paquete dirixido á creación dun campus inclusivo, sostible e resiliente (8), mapeáronse as boas prácticas na UDC, con vistas á súa implementación nas institucións da Alianza. Púxose en marcha unha rede de embaixadores estudantís que contribúen á difusión de EMERGE e á dinamización de actividades. Estanse a establecer as bases dunha convocatoria colaborativa dirixida ao estudantado para promover pequenos proxectos vinculados aos valores da Alianza. Nese apartado sitúase a posta en marcha deste HUB. 

En comunicación e difusión (9), aprobouse o Plan de divulgación da Alianza e estanse a coordinar a creación de contidos multimedia para difusión dixital e tamén colaboracións cruzadas co programa de estudantado embaixador. 

Un Eurocampus de 125000 estudantes

EMERGE (Empowering the Margins of Europe through Regional and Global Engagement) é unha alianza estratéxica formada por nove universidades europeas que colaboran para transformar a educación superior en rexións periféricas. O seu obxectivo é promover a inclusión, a innovación e a mobilidade no ámbito universitario, contribuíndo así a un Espazo Europeo de Educación máis cohesionado e equitativo.

A Universidade da Coruña (UDC) forma parte desta alianza xunto coa University of Limerick (Irlanda), Democritus University of Thrace (Grecia), Europa-Universität Flensburg (Alemaña), Inland Norway University of Applied Sciences (Noruega), Neapolis University Pafos (Chipre), Université Bretagne Sud (Francia), Université Rennes 2 (Francia) e Univerzita Mateja Bela v Banskej Bystrici (Eslovaquia).

En conxunto, estas nove institucións conforman un Eurocampus con máis de 125000 estudantes, comprometido cunha educación superior máis accesible, diversa e conectada tanto a nivel rexional como internacional.

Comparte éste artículo
No hay comentarios