Deportivo feminino e Espanyol empatan na despedida de Cristina en Riazor con Olaya entre os paus (2-2)

O Deportivo non puido asegurar a décimo primeira posición na liga ao empatar co Espanyol, o seu inmediato seguidor, nun partido cargado de situacións emotivas como a despedida de Cristina, capitá e única xogadora que se mantén desde a creación do equipo, que xogou os primeiros minutos da temporada. A astorgana deu o pase do segundo empate conseguido polas locais, logo que o cadro catalán se adiantara dúas veces. Millene tamén retornou logo da lesión que a afastou do equipo media temporada e Lía, nun premio á constancia, gozou da primeira titularidade. Moitas das que hoxe vestiron o branco e azul non estarán tras o partido do domingo en Tenerife e algunhas, como Yohana, tampouco puido evitar as bágoas ao remate do encontro.

O partido ten vida ao espazo

O Deportivo podía certificar a décimo primeira posición nun partido ante o Espanyol, ao que precedía na táboa. O partido, alén desa motivación, tiña outras como o da primeira convocatoria de Cristina, a capitá, despois da súa maternidade. A única supervivente desde a fundación podía despedirse da afección vestida de curto e en Riazor. Tamén volveu Millene, logo da súa longa recuperación no Brasil e Lía recibiu o premio de Fran Alonso pola súa teimosía, gozando da primeira titularidade na Liga.
O Espanyol tamén empregaba xogadoras menos habituais, salientando a presenza na portería de Meritxell no lugar da gala Salvador, unha das menos batidas no campionato.
O partido puido abrirse aos dous minutos grazas a unha acción de estratexia moi elaborada do cadro barcelonés. Naceu dun saque de esquina en curto e morreu, logo de tres pases, nun balón pouco claro para Ainoa, que malia que puido rematar con dificultades desde a frontal da área pequena, fíxoo con pouca forza e Inês Pereira chapou antes da liña de gol.
O Espanyol tiña máis poder atacante e puido sacar vantaxe nun desmarque de Ona Baradad, pero se precipitou no arrinque e caeu nun fóra de xogo moi axustado, invalidando o seu errado man a man ante a dubitativa Inês Pereira.
Un minuto despois, no doce, quen rachou a liña nunha ruptura polo carreiro do 10 foi Ángeles. A punta perica, algo ladeada, quixo sorprender á meta deportivista cun punteirolo ao primeiro pau, pero a internacional lusa, ben chantada, desviou o coiro.
O Deportivo puido marcar no cuarto de tempo. Apelou a acción individual de Pizarro, coa qie a zaga espanyolista rozou o penalti. A honestidade da uruguaia pediulle achegarse até o fondo, pero faltoulle a claridade no pase e a defensa perica desbaratou.
O partido animouse cando os equipos xogaron rápido, vertical e ao espazo. Inês Pereira salvou co pé un man a man ante Ona Baradad e Pizarro tivo dúas que mandou fóra. A primeira en chegada e segunda en volea acrobática.
O cántaro quebrou na rede deportivista aos dous minutos do prolongamento do primeiro acto. Ona Baradad entrou polo centro, volveu encarar con máis ángulos a Inês Pereira, e superou a Inês Pereira, que nada puido facer por evitar o 0-1.
O cadro herculino reaccionou axiña e empatou tres minutos máis tarde. Lía asociouse nunha contra con Bárbara, que perdeu a posibilidade da contra co rápido repregamento espanyolista. As locais cambiaron a orientación do ataque cunha subida pola dereita de Samara. A lateral atopou un pase sinxelo a Paula, que bateu a Meritxell cun golpeo cruzado. Aínda puido virar o partido antes de descanso o cadro branco e azul cun xute desde a media lúa de Ainhoa. O coiro pasou perto do marco. O primeiro tempo durou 55 minutos.

O último pase de gol de Cristina

O segundo tempo comezou con ocasións nas dúas areas. Meritxell desviou un balón no primeiro pau, golpeado con dureza por Pizarro, e a defensa local rouboulle o gol a Naima, que xa refregaba as mans para celebrar o éxito dun remate a un metro do punto de penalti no minuto 55.
A ex do Zaragoza non erraría nunha cabezada tres minutos despois. Aproveitou o centro de Ainoa para cruzar o testarazo ás mallas.
A diferenza do primeiro tempo, o Deportivo non atinou na primeira tentativa dun novo empate. As locais fixeron algo parecido coa subida de Samara pola dereita, Pizarro non controlou na área, pero o coiro chegou a Paula Monteagudo, que na súa primeira acción xutou desde a frontal por riba do traveseiro.
O Deportivo presionou durante varios minutos a área visitante. Unha defensa rozou o suficiente un libre dorecto de Olaya. Logo do córner, Raquel, perto da área pequena espanyolista, non deu embocado e, na continuación, a mesma central ficou con pouco ángulo para culminar co balón dentro da portería de Meritxell outro centro desde a dereita.
Despois viria a fase máis emotiva do partido, coas progresivas incorporacións ao xogo de Millene e de Cristina, a quen Henar cedeu o brazal de capitá.
No minuto 87, cando o marcador anunciaba unha imposible asistencia de 800 espectadores, Cristina fixo o último gran servizo ao equipo. Gañou a banda dereita e cedeu a unha dianteira que na Coruña se obsesionan en converter en lateral. Paula Monteagudo, cun natural e instintivo movemento interior, foi a polo pase e conectou un xute imparable co que colocou o 2-2 co que selaría o partido. Cuarto gol da ex atacante do Sárdoma na temporada.
A piques de cumprirse os oito minutos de prolongamento, Browne rompeu a última liña e Inês Pereira saíu a parala de calquera xeito cando se viu superada. A colexiada rectificou o amarelo polo vermello e, con Olaya entre os paus. Paula Arana lanzou desviado o libre directo.
O partido rematou pouco despois, sen máis disparos á porta local e logo chegou o protagonismo para Cristina, de quen se proxectou un video no marcador. O Deportivo despedeirá a liga o próximo domingo en Tenerife, no que tamén será a despedida de Fran Alonso do banco.

Ficha

MÉRCORES 27/05/2026 (21,00) Campo: RIAZOR (800)
R.C.D. LA CORUÑA : 2 – R.C.D. ESPANYOL : 2 (1‑1)

COR : Inês Pereira; Samara, Barth, Raquel, Vera (Paula Monteagudo 59’); Ainhoa (Millene 73’), Paula, Lucía Martínez (Henar 73’), Lía (Olaya 59’), Bárbara (Cristina 77’); Pizarro. Tre. Fran Alonso. (Banco: Yohana (g); Paula Novo; Elena; Artero; Redru; Marisa; Lucía Rivas).
ESP : Meritxell; Caracas (Paula Arana 76’); Ariadna, Júlia Guerra (Aina 63’), Paulita; Ona Baradad (Judit 81’), Amaia Martínez, Naima (Simona 76’), Ainoa, Browne; Ángeles (Mar Torras 63’). Tre. Sara Monforte. (Banco: Salvador (g); Ainhoa).
Goles: 0-1 Ona Baradad 44’; 1-1 Paula 45’; 1-2 Naima 58’; 2-2 Paula Monteagudo 87’.
Árbitra: Suárez González (Castela e León). Auxiliares: Lombardero Díaz e Kovari Mohammad. 4ª árb.: Florencia Muñoz di Giovambattista.
Disciplina: CA: Júlia Guerra 21’; Caracas 44’; Ariadna 45’; Olaya 65’ // VD: Inês Pereira 89’.
NOTAS: 89’ Olaya ocupa a portería local.

Comparte éste artículo
No hay comentarios