O Campus Industrial de Ferrol albergou unha sesión de difusión do traballo realizado no último trienio e deu paso á seguinte fase, na que se incorpora o tecido empresarial da comarca.
O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolleu, na mañá deste mércores, unha sesión de difusión do traballo realizado durante a primeira fase do Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia (CEMI) -impulsado pola Universidade da Coruña (UDC), Navantia e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP – e con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa de Galicia Feder 2021-2027. Así mesmo, presentouse unha nova etapa, denominada CEMI 2, na que se seguirá avanzando na transformación dixital do estaleiro ferrolán e da que formará parte STGO.
Neste acto de peche do CEMI 1 e de presentación do chamado CEMI 2 participaron o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao; o director de Navantia Ferrol, Eduardo Dobarro; o CEO de STGO, Pablo González; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, así como outras autoridades.
Na súa intervención, o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, falou do traballo realizado ao longo destes últimos dez anos entre a Xunta de Galicia, a empresa pública Navantia e a propia Universidade, ao tempo que salientou a importancia do ecosistema creado a seu redor destacando o “valor incalculable” dos proxectos nados nesta contorna.
Pola súa banda, o director do estaleiro de Navantia Ferrol, Eduardo Dobarro, resaltou o grande éxito desta colaboración e subliñou a importancia de incorporar a esta nova etapa unha empresa do ecosistema industrial da comarca. Tamén aproveitou a súa intervención para destacar o papel de Ferrol como “foco de excelencia” da fabricación de fragatas, coa innovación como unha das claves para manter este posicionamento a nivel mundial.
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, indicou que “esta alianza entre a Universidade da Coruña e o estaleiro ten contribuído á mellora da competitividade da industria naval galega e a aumentar as capacidades da universidade, xerando riqueza e emprego en Galicia”.
Do mesmo xeito, o CEO de STGO, Pablo González, falou da súa incorporación a esta alianza como empresa que forma parte dun ecosistema “no que nos sentimos cómodos porque compartimos a mesma vocación e a mesma visión”.
Desenvolvemento de software propio, publicacións en revistas e congresos científicos e 30 contratos a tempo completo formalizados
O traballo desenvolvido durante máis de tres anos polo Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia (CEMI) cristalizou en cinco proxectos que están en fase de análise para a súa implantación no estaleiro. Así mesmo, a Universidade da Coruña (UDC) e Navantia rexistraron dous desenvolvementos software propios e publicaron máis de 25 artigos entre revistas e congresos científicos. No ámbito laboral, o CEMI 1 supuxo a contratación de 30 persoas a tempo completo, ás que se suma a participación de profesionais tanto do estaleiro como da Universidade nas distintas liñas de traballo.
Os proxectos máis avanzados céntranse en áreas como a robotización, a inspección de soldadura, a trazabilidade de materiais, o mantemento do sistema enerxético ou os test de impacto. Mediante tecnoloxías avanzadas conseguiuse predicir comportamentos, dixitalizar e automatizar procesos e reducir tarefas repetitivas, o que redunda nunha mellora da eficiencia, custos e tempo e nun aumento da produtividade.
O Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia (CEMI) destacou por unha estreita e continua colaboración entre Universidade e estaleiro, baseada nun modelo de innovación conxunta que facilitou a transferencia de coñecemento e un enfoque práctico, orientado á produción e aliñado co modelo de estaleiro 5.0. Esta cooperación achega a Navantia unha vantaxe competitiva ao tempo que lle permite á Universidade o crecemento dos seus profesionais nun contorno real, co nivel de esixencia e precisión propio da industria de defensa e cunha clara proxección internacional.
O CEMI 2, que incorpora a STGO, dá continuidade a esta exitosa alianza. Supón a consolidación das tres grandes liñas de investigación en marcha (Xemelgo dixital de planta e proceso, Xemelgo dixital de buque e Novos procesos) e permite seguir avanzando nos pilotos en desenvolvemento, ao
tempo que suma novos proxectos adaptados á evolución do sector naval e ás súas necesidades.