O BNG leva ao Pleno a recuperación do servizo gratuíto de bus urbano para os centros escolares

O BNG achegou ao pleno municipal do mes de maio unha moción urxente para instar ao goberno municipal a recuperar o servizo gratuíto de autobus urbano para os centros de ensino, unha iniciativa que, segundo explicou o portavoz do BNG, Rubén Arroxo, «demostra a incapacidade do novo goberno para xestionar». Arroxo destacou que no curso 2025-2026, un total de 2.207 escolares de diferentes centros de ensino da cidade utilizaron o bus urbano de xeito gratuíto, «un total de 81 grupos que empregaron o bus urbano para achegarse a distintos puntos da cidade». Arroxo afirmou que «nos primeiros días do novo goberno do PP vimos que as medidas executadas foron na mesma liña que o seu traballo na oposición: crear crispación e dividir á veciñanza de Lugo».

A proposta non se debateu tras o voto en contra do PP á urxencia da mesma, mais o Portavoz do BNG, Rubén Arroxo valorou, tras o debate da urxencia da proposición, que «o Partido Popular vólvenos aos tempos do caciquismo propios doutros tempos», e engadiu «o concelleiro de educación do PP recoñeceu no pleno que so facilitará os buses aos centros de ensino afíns, non prestará un servizo público a toda a veciñanza en igualdade de condicións».

Arroxo destacou que este servizo ten unha dupla importancia: «en primeiro lugar, permite aos centros deensino da cidade planificar actividades no exterior sen ter que asumir os custos detransporte, e por outra banda, promociona entre as nenas e nenos o bus urbano como un medio de transporte sostible, barato e útil, que comunica toda a cidade dexeito áxil», dixo.

O BNG defende o transporte público como un servizo esencial para a veciñanza, que permite reducir a contaminación e a conxestión das estradas, mais este servizo ten que ser deseñado para responder ás necesidades reais do territorio e das persoas usuarias que, cada vez máis, apostan por este modelo de transporte fronte ao vehículo privado.

O BNG rexeitou o uso de auga embotellada no pleno, «un novo cambio do goberno do PP que supón xerar máis resíduos», explicou Rubén Arroxo. As e os concelleiros do BNG achegáronse ao pleno con botellas reutilizables e consumiron auga da billa, como se viña facendo nos plenos municipais, e reducindo o gasto de plásticos de un só uso.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios