A Coruña volverá ser do 4 ao 14 de xuño punto de encontro arredor da cultura oceánica, a gastronomía, o ecoturismo, a creación, a acción cidadá e o coidado do mar como grandes protagonistas.
O Festival Mar de Mares presentou esta mañá no Concello da Coruña a programación da súa décimo terceira edición, que se celebrará entre os días 4 e 14 de xuño baixo o lema “Cultura que nace do océano”. A cita, que nesta edición terá preto de corenta actividades, volverá converter a cidade nun espazo de encontro arredor do mar, entendido non só como paisaxe, senón como orixe de memoria, coñecemento, alimento, oficio, creación e futuro.
O acto contou coa participación de Yoya Neira, concelleira de Medio Ambiente do Concello da Coruña; Silvia Oviaño, directora artística do Festival Mar de Mares; e Guillermo Carracedo, campión de Europa e España de Pádel Surf, médico e embaixador desta edición.
Nesta nova edición, Mar de Mares reforza a súa conexión coa cidade e co Atlántico cun programa que combina divulgación científica, encontros inspiradores, gastronomía, ecoturismo, actividades familiares, propostas culturais, acción ambiental e participación cidadá. A programación incluirá visita á Lonxa, avistamento de aves mariñas, percorridos guiados polo porto, a visita á Torre de Control, actividades familiares na beiramar, encontros con especialistas e propostas gastronómicas vinculadas ao produto mariño.
Ademais, o Mercado Mar de Mares volverá ocupar a explanada do Parrote, cun formato aberto á cidade que reunirá produto local, gastronomía, artesanía, actividades e propostas para todos os públicos. Un conxunto de actividades pensadas para lembrar que o mar tamén se entende desde os oficios, os mercados, o porto, a ciencia, a memoria e a responsabilidade colectiva.
Na súa intervención, a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, subliñou a importancia de Mar de Mares como un proxecto que conecta directamente coa identidade marítima da Coruña e coa relación histórica da cidade co océano. Neira destacou que “o mar é un motor para o crecemento da cidade” e lembrou que esa relación tamén implica unha responsabilidade colectiva co medio ambiente.
A concelleira repasou algunhas das principais novidades desta edición, con actividades vencelladas á cultura, á ciencia, á fotografía, ao ioga, á divulgación e á acción ambiental. Tamén puxo en valor o traslado do Mercado Mar de Mares ao Parrote, un espazo aberto e especialmente simbólico para achegar o festival á cidadanía e seguir ampliando a participación do público.
Pola súa banda, Silvia Oviaño, directora do festival, destacou que nesta edición A Coruña será a gran protagonista, cun programa que se expande por distintos espazos da cidade. Oviaño puxo en valor os encontros inspiradores, o IV Foro Azul e a Gran Limpeza de Fondos Mariños Signus.
A directora lembrou tamén que a Gran Limpeza de Fondos Mariños Signus resume boa parte do espírito de Mar de Mares: unha acción colectiva que, ao longo das súas edicións, permitiu retirar arredor de 14 toneladas de residuos dos fondos mariños.
O acto contou tamén coa participación de Guillermo Carracedo, campión de Europa e España de pádel surf, médico e padriño desta edición, quen puxo en valor a súa relación persoal co mar e coa cultura mariñeira galega. Carracedo explicou que, cada vez que se achega a un pescador ou a unha persoa vinculada aos oficios do mar, aprende algo novo, e defendeu a importancia de transmitir ese coñecemento ás futuras xeracións.
Carracedo destacou tamén o papel das redes sociais como ferramenta para achegar a conciencia ambiental ao público máis novo, especialmente a unha xeración que, segundo sinalou, será clave no futuro da protección dos océanos. O padriño desta edición agradeceu a oportunidade de formar parte de Mar de Mares e confirmou a súa participación na Gran Limpeza de Fondos Mariños Signus, unha acción coa que se sente especialmente vencellado polo seu compromiso co mar e coa divulgación ambiental.
Mar de Mares: máis dunha década achegando a cultura oceánica á cidadanía
Mar de Mares naceu co propósito de achegar a realidade dos océanos á ciudadanía a través da cultura, o coñecemento e a participación. Desde A Coruña, unha cidade marcada pola súa relación co Atlántico, o festival propón cada ano unha mirada aberta ao mar: como ecosistema que debemos protexer, pero tamén como espazo de memoria, traballo, creación, alimento e identidade compartida.
Ese compromiso ten unha das súas expresións máis visibles na Gran Limpeza de Fondos Mariños Mar de Mares-Signus, que na pasada edición reuniu a 80 persoas entre mergulladores e colaboradores en terra, chegando a retirar arredor de dúas toneladas de residuos da dársena da Mariña. Máis alá da cifra, a acción converteuse nun símbolo do que Mar de Mares defende desde a súa orixe: coñecer o océano, respectalo e actuar colectivamente para protexer aquilo que forma parte da identidade e da vida diaria da Coruña.
Un festival avalado ademais por un sinal de calidade nas súas propostas e contidos en sucesivas edicións, sendo un dos eventos da Década dos Océanos da ONU, e colaborando con grandes referentes na divulgación como os World Press Photo, National Geographic, a BBC ou o CSIC. O Festival Mar de Mares está organizado pola Asociación Redes de Sal e conta co apoio de diversas institucións públicas como o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, pero tamén se nutre de apoio privado como son Vegalsa, Signus e Abanca, así como a colaboración de numerosas institucións que traballan no ámbito mariño.
Ao longo de doce edicións recibiu a máis de 320.000 visitantes, nas 461 actividades que organizou reuniu a 555 relatores e coas súas 1500 aparicións en medios chegou a unha audiencia de 200 millóns de persoas. Todo iso convérteo nunha cita de referencia para repensar a nosa relación co océano desde o territorio, a cultura e a acción colectiva.