O PP pide explicacións ao Goberno logo de cinco meses sen pintar a N-540 entre Chantada e A Barrela

Os populares esixen ao Ministerio que deixe de acumular atrasos e diga cando vai pintar dunha vez os sete quilómetros reasfaltados en marzo.

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, veñen de rexistrar unha iniciativa no Senado para denunciar que, case cinco meses despois do reasfaltado, boa parte dos aproximadamente sete quilómetros da N-540 entre o polígono industrial de Chantada e A Barrela continúan sen pintar.

Os populares cualifican de “inaceptable” que o Ministerio de Transportes sexa incapaz de completar durante meses unha actuación tan básica como pintar unha estrada despois de asfaltala.

“Cinco meses para pintar unha estrada é un exemplo máis da deixadez coa que o Goberno trata as infraestruturas da provincia de Lugo. Non estamos falando dunha gran obra nin dunha actuación complexa: estamos falando simplemente de pintar os carrís”, denuncian.

“ASFALTAR E MARCHAR NON É REMATAR UNHA OBRA”

Barreiro, Balseiro e Serrano advirten de que esta situación non pode ser considerada un simple remate pendente, xa que a falta de pintura dificulta identificar correctamente os carrís e afecta directamente á seguridade viaria.


A situación resulta especialmente preocupante nos puntos nos que a N-540 conta con tres carrís, onde a ausencia das correspondentes marcas viarias pode xerar confusión entre os condutores.

“Parchear e marchar non é rematar unha obra. Unha estrada ten que quedar correctamente sinalizada e en condicións de seguridade desde o primeiro momento”, subliñan.

Os senadores lucenses consideran ademais “difícil de explicar” que unha deficiencia tan evidente se prolongue durante todo o verán, nun período no que aumenta a mobilidade e o tráfico nesta vía.

O GOBERNO DEBE EXPLICAR POR QUE LEVA CINCO MESES SEN PINTAR

Por este motivo, o PP pregunta ao Goberno se é consciente dos problemas e riscos que está provocando a falta de pintura, por que transcorreron case cinco meses sen completar a sinalización horizontal e que medidas inmediatas vai adoptar para solucionar a situación.


Os populares reclaman, ademais, unha data concreta para que a N-540 quede finalmente pintada.


“Os condutores non teñen por que seguir pagando coa súa seguridade a falta de planificación e de dilixencia do Ministerio. Cinco meses de espera para pintar sete quilómetros son demasiados”, conclúen Barreiro, Balseiro e Serrano.

Comparte éste artículo
No hay comentarios