Insta ao Goberno galego a incrementar as axudas para que non queden por baixo do salario mínimo e a realizar un estudo sobre a situaciónactual dos bancos marisqueiros.
O pleno da Deputación da Coruña aprobouhoxe por unanimidade de todas as forzas políticas unha moción presentada polo PSdeG-PSOE, que incorporou durante o debate distintas emendas de BNG e PP- reclamando á Xunta de Galicia unha “implicación inmediata e contundente” coas máis de 6.000 mulleres que traballan no sector do mar da provincia.
O voceiro socialista, Bernardo Fernández, advertiu de que este colectivo —que representa o 42% do total do sector e supera o 95% en modalidades como as redeiras e o marisqueo a pé— atópase nunha situación de vulnerabilidade debido á falta de respostas eficaces por parte do executivo galego.
A iniciativa pon o foco na crise que golpea con dureza a varias rías da provincia, entre elas a de Muros-Noia, onde a elevada mortandade do berberecho e da ameixa ameaza o sustento económico de centos de familias. Fronte a isto, o texto aprobado enmarca as axudas anunciadas pola Xunta, de apenas 700 euros mensuais que quedan en menos de 400 tras as cotas á Seguridade Social, como “tardías e claramente insuficientes».
A corporación provincial reclama á Xunta un incremento e axilización urxente desas axudas para que “ningunha profesional perciba ingresos por debaixo do salario mínimo e se lles exima do pago de cotas mentres dure a inactividade forzosa”, afirmou Bernardo Fernández, que incidiu en que “o Goberno xa ten ese compromiso adquirido”.
“A tramitación da exención das cotas á Seguridade Social xa está en trámite no Congreso, pero hai un paso previo que ten que facer a Xunta, que é establecer nos plans de explotación a suspensión de actividade por fenómenos meterolóxicos adversos”, explicou o portavoz socialista.
A moción aprobada insta ao executivo autonómico a “posta en marcha inmediata dun estudo científico completo sobre o estado dos bancos marisqueiros, o deseño dun protocolo de aviso previo para os desembalses dos encoros fluviais que evite os danos por auga doce , e un investimento estrutural prioritario en materia de saneamento e depuración nos concellos costeiros da provincia”.
Ademais, o acordo aprobado polo pleno abrangue o resto de frontes institucionais para garantir un escudo integral ao sector. Por unha banda, solicítase ao Goberno de España a adopción de medidas extraordinarias de protección social ligadas ao recoñecemento do coeficiente redutor do marisqueo mentres se prolongue esta crise produtiva.
Pola outra parte, a propia Deputación da Coruña comprométese a reforzar as súas propias liñas de axuda económica ás confrarías e agrupacións, garantindo unha maior axilidade administrativa e priorizando os plans de semente e recuperación ambiental. Finalmente, a institución provincial activará, en colaboración con ANMUPESCA e o resto de entidades do sector, un amplo programa cultural, educativo e divulgativo para visibilizar socialmente ás mulleres do mar, un acordo cuxo contido será trasladado de inmediato a todos os concellos costeiros, confrarías e administracións implicadas.
A portavoz do BNG, Avia Veira, advertiu de que se trata dun “problema grave en moitas rías da provincia, que veñen de moi atrás, non só dos temporais deste ano” e incidiu en que “necesitamos un estudo para saber as causas da perda de productividade das rías e non seguir poñenedo parches”.
Tamén sinalou a importancia de “regular o desencoro sen control, que incide na perda de salinidade do mar e na mortalidade dos bivalvos”.
Evaristo Ben, portavoz do PP, sinalou que a Xunta destinou case 22,7 millóns de euros ao sector e prevé que participen destas axudas as 25 confrarías máis afectadas. “As accións que se poden facer no marco destes convenio son múltiples e variadas e son as confrarías as que deciden. O plan foi explicado ao sector polo miúdo”, explicou o voceiro popular, que sinalou que as axudas de 700 euros que poden articularse a través destes convenios e “xa se corresponden co salario mínimo”, xa que “son a media xornada”.
Fronte común contra o recorte de emprego en Nestlé
O pleno provincial aprobou por unanimidade unha iniciativa —presentada tamén polo PSdeG-PSOE— en defensa do mantemento do emprego e da actividade industrial na planta de Nestlé en Pontecesures.
A corporación manifestou de forma unánime o seu respaldo aos preto de 200traballadores desta factoría estratéxica, “de onde sae todo o leite condensado que a multinacional comercializa en Europa, Oriente Medio e o norte de África, e que se nutre do leite fresco procedente dun cento de explotacións gandeiras do ámbito rural coruñés”, explicou o portavoz socialista, Bernardo Fernández.
A resolución insta á Xunta a mediar de urxencia ante a dirección de Nestlé España para “reducir ao mínimo o impacto laboral” e esixe “un plan autonómico específico de fortalecemento para a industria agroalimentaria”.
Durante o debate incorporouse ademais unha emenda do BNG co fin de solicitar ao Goberno central un control e inspección rigorosa sobre este proceso de regulación de emprego, instando ao executivo estatal a reunirse cos sindicatos e a avanzar cara á recuperación da autorización administrativa laboral previa neste tipo de expedientes.
Pór en valor o legado de Rogelio Groba
O pleno aprobou por unanimidade a moción presentada polo Partido Popular para poñer en valor o legado de Rogelio Groba, quen foi director da Banda Municipal da Coruña e promotor da Orquestra Sinfónica de Galicia.
O texto aprobado avoga pola creación na cidade herculina dun espazo cultural de referencia que poida albergar a sede e o arquivo da fundación do compositor, facilitando a conservación e consulta do seu patrimonio musical, xunto co establecemento de axudas económicas para espallar concertos de música clásica polas diferentes comarcas da provincia.
Rexeitamento á mina de Coéns
O pleno aprobou tamén, co voto favorable de PSOE, BNG e AV e o voto en contra do PP, a moción presentada polo BNG rexeitando o proxecto de reapertura da mina de caolín e mica de Coéns, en Laxe. Ä sesión acudiron como público veciños e veciñas da zona que rexeitan a instalación.
No texto aprobado, a Deputación expón o seu rexeitamento firme a esta actividade extractiva a ceo aberto polos seus potenciais impactos ambientais, sociais e de saúde pública, advertindo dos riscos derivados do po en suspensión e do uso de explosivos a escasa distancia das vivendas, ao tempo que instou a defender o dereito do tecido local a un modelo de desenvolvemento sustentable que non comprometa o territorio nin a biodiversidade da contorna.
“Co proxecto que hai, a explotación non poderá autorizarse”, afirmou o deputado do PP José Ramón Amado, que sinalou que “só sairá adiante o que técnica e ambientalmente sexa viable. Queremos unha minería moderna e que redunde no beneficio da xente”,
O portavoz do PSOE, Bernardo Fernández, destacou que na Xunta “non hai un plan sectorial mineiro, non hai unha zonificación clara de onde se podenrealizar este tipo de actividades e onde non” e incidiu en que “para dar garantías á cidadanía é importante que persoas que están claramente relacionadas co proxecto non sexan as que fagan os informes sobre o mesmo. Cousas como estas non transmiten confianza”, afirmou.
“Falamos dunha mina que creará só tres postos de traballo fronte ao impacto ambiental que vai ter na zona” sinalou a deputada Avia Veira, que trasladou o seu apoio ás reclamacións da plataforma veciñal que rexeita a explotación de Coéns.