A artista viguesa presenta un novo sinxelo concibido como declaración vital e artística, onde a música e a palabra se erixen como espazos de resistencia, vulnerabilidade e coidado.
Descubre más noticias musicales como ésta
A cantante e compositora galega High Paw presenta o seu novo sinxelo, “Di Mic Mi Gun”, unha canción que serve de carta de presentación do seu vindeiro traballo discográfico, o EP A Braña, previsto para a segunda metade de 2026. O tema nace como unha fonda dedicatoria ao micrófono, unha ferramenta que a artista define ao mesmo tempo como arma e escudo.
Con este lanzamento, High Paw afonda no seu universo sonoro, combinando unha mirada crítica e persoal onde a contundencia convive coa tenrura. A canción é unha homenaxe a ese elemento que a acompaña nos momentos máis fráxiles e intensos, axudándoa a validar o propio criterio e a atopar beleza no caos da treboada.
“O escenario tornou hai tempo a miña casa, e tendo en conta que é onde habito, coido dese espazo como o fago da miña propia habitación”, explica High Paw sobre o significado deste novo adianto.
O traballo instrumental de “Di Mic Mi Gun” está composto e producido de forma íntegra pola propia High Paw, quen ademais asume a gravación da liña de baixo neste corte en particular. O tema conta coa mestura e masterización de Javier Vicalo (Escusalla Sonora) e as colaboracións de Decsus nas baterías, Zalo Rodríguez nos teclados e Laura Mercy nos coros.
A Braña: novo EP e novo directo con banda
Sobre este vindeiro traballo, no que a viguesa afianza o seu estilo, a propia High Paw detalla a evolución da súa proposta: “Esta nova etapa consolida o meu son como un crisol das influencias musicais das que veño bebendo: reggae, rub-a-dub, hip hop, R&B e soul”.
O título do EP, A Braña, funciona como un ecosistema conceptual propio para a cantante: “A braña é un lugar no que habitar o non-lugar, pois a lama non é chan firme pero si sostén, e mantén húmidas as ideas e as líricas da Ra Velenosa (o seu alter ego como MC)”.
No plano escénico, o proxecto de High Paw dá un salto cualitativo e consolídase presentándose cunha banda ao completo. Faino acompañada de Zalo Rodríguez (Lontras) nas teclas, Decsus (Daydream Sessions) na batería, Brais Iriarte (LeBarLuthier) no baixo eléctrico e Laura Mercy(Dakidarría) nos coros. Esta nova formación articula un directo inmersivo, baseado en sintetizadores e ritmos pesados, e concibindo cada concerto como un espazo de comunidade, tensión e transformación colectiva.
A artista vén de presentar o seu novo directo nunha primeira xira por salas antes da chegada dos festivais de verán. O percorrido pasou o 10 de abril por Mos (Sala Rebullón), o 3 de maio por Cambados (Krazzy Kray), o 15 de maio por Ponteareas (JJ Copas) e o 22 de maio por Viveiro (Conservera). Nas próximas semanas anunciaranse novas datas en festivais de verán, entre os que se atopa unha cita internacional no festival Dub’n The Creek, en California. Despois da tempada estival, a xira regresará ás salas con paradas xa confirmadas en Lugo, o 19 de setembro no Club Clavicémbalo, e en Ferrol, o 21 de novembro na Sala Urania.
High Paw é unha artista viguesa que consolidou un oco propio no panorama musical, destacando pola súa achega ao reggae, ao hip hop e ás chamadas músicas urbanas en galego. Cunha traxectoria marcada polo seu talento vocal e pola súa capacidade para conectar a tradición sonora caribeña coa cultura propia, converteuse nunha voz imprescindible da escena a nivel estatal e internacional, cun percorrido de case dúas décadas vinculado a múltiples proxectos musicais.
Actuou en multitude de festivais e realizou xiras por medio mundo, con paradas en México e Europa, ademais de colaborar con artistas como Manu Chao, Wöyza, Dios Ke Te Crew ou Ortiga. A súa é unha proposta definida por letras críticas, identidade propia e unha linguaxe aberta e bailable que conecta con públicos diversos.