Sentenza de Bustelo: un fallo anunciado, pero non determinante para a resolución de futuros litixios eólicos

O Tribunal Supremo (TS) vén de notificar á Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) o fallo polo que estima os recursos de casación interpostos pola Xunta de Galicia, a promotora Greenalia e a Asociación Eólica de Galicia contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pola que se anulaba a autorización do proxecto eólico Bustelo. Este proxecto fora impugnado na Sala do contencioso-administrativa do TSXG por parte de ADEGA e da Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica (PDCC), polas deficiencias atopadas na súa avaliación ambiental e por unha suposta fragmentación artificiosa de proxectos (Campelo, Bustelo e Monte Toural), promovidos por Greenalia Wind Power SLU nos concellos de Coristanco, Santa Comba e Carballo. 

Desde ADEGA e a PDCC lamentan que o TS non acollese o escrito de oposición presentado por ambas entidades contra os recursos de casación da Xunta e da promotora, malia a que era un fallo anunciado desde hai máis dun ano, cando o Supremo ditara sentenza para o proxecto eólico de Campelo, “por ser idénticos los motivos esgrimidos en ambos recursos de casación, e iguales las cuestiones consideradas de interés casacional objetivo”, tal e como reza a sentenza. 

O recente fallo reproduce e ratifica o contido da sentenza previa da mesma Sala e Tribunal, de data 21 de marzo de 2025, relativa ao parque eólico Campelo na que se desestiman, en particular, os argumentos do TSXG para xustificar a existencia de fragmentación artificiosa de proxectos. En contra da argumentación empregada polo TSXG, o Supremo incide en que o feito de que dous ou máis proxectos eólicos compartan instalacións de conexión, non comporta, de por si, a existencia dun único proxecto eólico a efectos da súa avaliación ambiental. A existencia de fraude de lei teríase que ter demostrado sobre “la adecuación de la avaliación ambiental en las circunstancias del caso que, según consta en las actuaciones, fue de carácter ordinario, con el correspondiente estudio de efectos acumulativos y sinérgicos cuya suficiencia o insuficiencia no se analiza”.

É, polo tanto, na insuficiencia ou deficiencia das avaliacións de impacto ambiental dos proxectos nas que deberá fundamentarse a suposta existencia de fragmentación artificiosa de polígonos eólicos.

O Supremo ratifica que haberá que avaliar o proceder da administración galega caso a caso 

A asociación ecoloxista ADEGA insiste, como xa fixera no caso de Campelo, que a actual sentenza do Alto Tribunal relativa a Bustelo non valida a praxe da Administración galega no tocante ás avalacións ambientais  e autorizacións dos proxectos eólicos, senón que censura que a Sala autonómica non argumentase debidamente as eivas na avaliación ambiental que determinarían a súa insuficiencia, e polo tanto a concorrencia dunha fragmentación artificiosa de proxectos contraria a Dereito. Polo tanto, non veñen a constituír a lexitimación de todas as autorizacións de polígonos eólicos outorgadas pola Xunta de Rueda nin o tan socorrido «desbloqueo» do sector tantas veces aludido polo presidente da Xunta.

Nas numerosas autorizacións eólicas recorridas por ADEGA que están aínda pendentes de fallo, a asociación ecoloxista puxo de manifesto, nos correspondentes informes técnicos, a insuficiencia das avalacións ambientais e a conseguinte deficiencia das declaracións de impacto ambiental dos proxectos eólicos. Polo tanto, á vista desta doutrina xurisprudencial do Tribunal Supremo, corresponderalle á Sala autonómica, unha vez se retome a tramitación dos procesos, determinar a validez ou invalidez de ditas avaliacións e a existencia, cando proceda, de fragmentación fraudulenta de proxectos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios