UCIN denuncia o «abandono» da AG-11 e esixe responsabilidades directas a Alfonso Rueda

O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, realizou unha visita institucional á localidade de Boiro acompañado por Miguel Piqueras, coordinador local da formación. Durante a xornada, ambos dirixentes percorreron diversos treitos da AG-11 (Autovía do Barbanza) co obxectivo de comprobar de primeira man o estado de conservación dunha das principais arterias viarias da comarca.

Tras a inspección, os responsables de UCIN manifestaron a súa fonda preocupación pola situación da autovía, denunciando unha «evidente falta de mantemento, conservación e investimento» por parte da Xunta de Galicia nunha infraestrutura que cualificaron de estratéxica para a mobilidade e a economía do Barbanza.

Duras críticas á xestión de Alfonso Rueda

José Luis Calo sinalou directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como responsable político da situación. «O señor Rueda non pode seguir vendendo unha Galicia de grandes investimentos mentres as autovías autonómicas sofren un abandono visible. Antes de anunciar novos proxectos, o Goberno galego debería priorizar que as infraestruturas existentes estean en condicións óptimas e seguras», afeou Calo, quen insistiu en que a seguridade viaria non pode depender de «actuacións ocasionais».

Pola súa banda, Miguel Piqueras lembrou que as carencias na AG-11 veñen de lonxe: «Os veciños da comarca levan anos reclamando un mantemento acorde coa importancia que ten esta autovía para o desenvolvemento económico, social e turístico do Barbanza».

Reclamación dunha auditoría urxente

Ante as deficiencias detectadas, UCIN Galicia esixiu formalmente á Xunta a realización dunha auditoría técnica completa da AG-11 para avaliar o estado real do firme, os elementos de seguridade e a limpeza. Así mesmo, instaron ao Executivo autonómico a fixar un calendario urxente de actuacións preventivas e de mellora.

«Os cidadáns non merecen propaganda nin promesas baleiras; merecen estradas seguras, investimentos reais e unha administración que cumpra coas súas obrigas», concluíron os representantes de UCIN, quen lembraron que o Barbanza é uma das comarcas máis dinámicas de Galicia e precisa unhas conexións á altura.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios