StopBiogásAbadín denuncia o «desprezo» e o bloqueo informativo do alcalde no pleno ás preguntas da veciñanza

A tensión veciñal en Abadín segue en aumento tras os últimos acontecementos plenarios relacionados coas dúas macroplantas de biometano que Cepsa e Inproener pretenden instalar no municipio. A plataforma veciñal STOPBIOGASABADÍN lamenta profundamente a falta de transparencia, o bloqueo informativo e a actitude de confrontación exercida polo grupo de goberno local.

Unha aprobación pola mínima

O pasado 19 de maio, o alcalde e os seus concelleiros votaron a favor dos proxectos industriais. A votación resolveuse exclusivamente pelo voto de calidade do rexedor, aproveitando a ausencia no Pleno Extraordinario da concelleira Tania Rey Emil. Desde a plataforma sinálase que unha decisión de tal impacto para o futuro do municipio non debería sacarse adiante mediante artificios numéricos e sen un consenso amplo.

Silencio ante as dúbidas e acusacións á oposición

A indignación aumentou o pasado venres 29 de maio durante o pleno ordinario. O grupo municipal do PSOE trasladou ao executivo un listado de 9 preguntas cruciais elaboradas pola plataforma veciñal. Con todo, o alcalde tan só deu resposta ás dúas primeiras cuestións. Para as 7 restantes, o rexedor deu unha evasiva xeral afirmando que «se daban por contestadas co anteriormente respondido», deixando á veciñanza sen respostas sobre temas críticos de seguridade, transportes e impacto socioeconómico.

Lonxe de responder, o alcalde acusou á oposición de «estar creando confusión» entre os veciños. Unha acusación que a plataforma considera intolerable e hipócrita, xa que

é o propio goberno quen oculta a información e prohibe activamente o uso do Salón de Actos municipal para que STOPBIOGASABADÍN poida ofrecer charlas informativas e transparentes ao pobo.

As únicas respostas do goberno local

A primeira pregunta cuestionaba que garantías concretas ofrece o Concello para que o benestar veciñal prevaleza sobre o interese económico. O alcalde limitouse a enumerar promesas normativas xenéricas: superar avaliacións ambientais, esixir informes técnicos independentes, crear mecanismos de seguimento veciñal e adoptar medidas de paralización legal se se detectan riscos reais acreditados para a saúde.

A segunda pregunta deulle a razón aos afectados. Interrogouse ao alcalde sobre se o Concello vai conceder a licenza de obras e a de actividades antes de dispoñer e ter analizado integramente os proxectos técnicos e todos os informes sectoriais preceptivos. Isto débese a que o propio Sr. Rancaño asegura que o proxecto nin sequera obra no seu poder. Con todo, o alcalde volveu evitar un compromiso firme, deixando no aire se se outorgarán permisos sen ter previamente toda a documentación e as analíticas completas.

O «bloqueo» ás 7 preguntas censuradas pelo alcalde

Desde STOPBIOGASABADÍN fanse públicas as 7 preguntas que o rexedor se negou taxativamente a responder e que expoñen as principais carencias e contradicións da xestión municipal:

  1. Vías de recurso legal: Se o Concello estudou cos seus servizos xurídicos todas as vías de recurso para impedir o proxecto se se constatan afeccións negativas, e se se compromete a esgotalas antes de calquera autorización definitiva.
  2. Emprego real e impacto socioeconómico: Cantos postos de traballo estables (directos e indirectos) se estima que xerarán realmente as plantas, que porcentaxe está garantido para os veciños de Abadín e se se encargou un estudo sobre o impacto negativo en sectores clave como a gandería, agricultura, turismo rural, hostalaría e o comercio local vinculado ao Camiño de Santiago.
  3. Sesións informativas públicas: Por que o Concello non organizou ata a data ningunha sesión informativa pública e neutral para informar aos veciños, e se se compromete a realizalas con carácter inmediato.
  4. Convenios ou compensacións: Se existe algún convenio, canon ou compensación económica ao Concello a cambio de facilitar a implantación das plantas e, en caso afirmativo, o detalle público destas cifras.
  5. Plan de continxencia sanitaria: Se dispón o Concello dun plan de continxencia específico para garantir a saúde pública en caso de verteduras accidentais, episodios de fedores ou contaminación dos acuíferos, e se se pode remitir copia á corporación.
  • Protección do Camiño de Santiago e a Biosfera: Que informes solicitou o Concello aos organismos competentes (Patrimonio, Xunta de Galicia, Reserva da Biosfera) sobre a compatibilidade das plantas de biometano coa protección do Camiño de Santiago e da Reserva da Biosfera Terras do Miño, especialmente na planta proxectada en Quende, por onde discorre a ruta xacobea.
  • Apoio prematuro en prensa: Por que o alcalde cualificou na prensa o pasado 5 de setembro 2025 (en El Progreso de Lugo) os proxectos de «inminentes» e validou os acordos dos promotores con propietarios de terras, apoiando publicamente o proxecto antes de escoitar e valorar formalmente o rexeitamento manifestado polas familias de Quende e a súa contorna.

Estoupido de impotencia veciñal e o desprezo final do alcalde

Ao levantarse a sesión, a tensión acumulada estoupou na sala. Os veciños que representaban a parroquias como Romariz, Quende e Goás, xunto cos chegados desde Corbelle e representantes da asociación MODEPEN A Mariña, non puideron conter a súa impotencia. Clamores de «Queremos saber, queremos saber!» e «Vergoña, vergoña!» resoaron con forza no salón.

A resposta do Sr. Rancaño foi instar aos presentes a abandonar o salón de plenos. O grao de crispación aumentou ao saír á luz unha eiva rechamante do Concello: o salón de plenos nin sequera dispón de cadeiras para o público, polo que os veciños tiveron que subir os seus propios asentos para poder presenciar a sesión, sendo obrigados despois a baixalos de volta. Ante o evidente malestar veciñal polo trato recibido, o alcalde sentenciou cunha frase que amosa o seu desapego democrático: «Quen contaba convosco?».

Para a plataforma, este lamentable episodio retrata a un alcalde que pecha as portas ao diálogo e non quere escoitar ao seu pobo. STOPBIOGASABADÍN anuncia que intensificará as súas accións de protesta de xeito inmediato ante o que consideran un atropelo tanto democrático coma ambiental.

Esta mesma semana, a plataforma veciñal STOPBIOGASABADÍN solicitará os permisos necesarios ao Concello para instalar unha mesa informativa na vindeira feira de Gontán, que terá lugar o sábado 6 de xuño. Desde a plataforma agardan que a solicitude sexa aprobada pola administración local sen atrancos nin bloqueos, xa que consideran un dereito e un deber democratico que alguén informe de xeito directo e transparente ao pobo sobre o verdadeiro impacto das macroplantas

Comparte éste artículo
No hay comentarios