Rubén Arroxo: “A chegada de Candia está traendo de volta proxectos que parecían esquecidos polo nocivos que serán para a cidade”

O Portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo e a deputada no Parlamento Galego Montse Valcárcel anunciaron que o BNG presentará no Parlamento de Galiza unha batería de preguntas para coñecer o estado do proxecto da planta de biometano proxectada en Coeses «despois de recibirmos múltiples avisos da veciñanza, que volve ver como comeza a haber movementos para recuperar o proxecto». A veciñanza afectada denuncia que a empresa promotora, aínda despois da denegación do permiso, continúa a manter alugados os terreos onde proxectaba a planta, investindo máis de 20.000€ anuais.

Arroxo destacou que «a chegada de Candia está a traer de volta proxectos que parecían esquecidos polo nocivos que van ser para a cidade de Lugo», e lembrou que no pasado o BNG realizou múltiples xuntanzas e mobilizacións coa veciñanza para buscar a paralización do proxecto e «aumentar o control a este tipo de plantas».

«O problema non vén pola tecnoloxía de biogás – biometano, senón que vén polo modelo de planta que se está propoñendo, na escasa distancia aos núcleos de poboación e na forma na que están xestionadas», explicou Valcárcel. Actualmente, estanse proxectando plantas de gran tamaño, que requiren un aporte constante e moi elevado de residuos para o seu procesamento, polo que os residuos de preto non son suficientes e tráenos de moito mais lonxe. E, a maior tamaño existe un maior volume de residuos almacenados, mais operacións de descarga de residuos, maior volume a xestionar e tamén maiores riscos en caso de escape de emisións e risco de incendio.

«O impacto dunha planta destas características preto das vivendas pode ser brutal. A Xunta ten a obriga de poñer por diante a protección das persoas e do territorio fronte a calquera interese económico», afirmou a deputada, que defendeu a proposta do BNG para este tipo de instalacións:

1. Establecer límites entre as plantas de biogás – biometano e núcleos de poboación e/ou vivendas habitadas, así como elementos patrimoniais ou bens naturais nun mínimo de 3.000 metros.
2. Establecer a distancia máxima entre a orixe dos materiais usados na dixestión, e a localización da planta en 20 quilómetros para residuos líquidos , e con carácter xeral a un máximo total de 50 quilómetros.
3. Limitar a capacidade das plantas de biogás -biometano e os seus procesos para evitar os danos ambientais e molestias á poboacións, a un volume máximo de 200.000 toneladas anuais.
4. Lexislar o sector establecendo unha serie de parámetros que deban cumprir as instalacións en canto aos materiais que entran como aos que saen.
5. Regular a xestión do dixestato xerado despois do proceso de biometanización.
6. Restrinxir a circulación de transporte pesado relacionado con estas instalacións, que non poderán transitar polos cascos urbanos e núcleos de poboación no rural.

«Actualmente hai de numerosos proxectos de plantas de biogás-biometano en Galiza, polo que dende o BNG consideramos que é necesario poñer límites en canto ao tamaño destes proxectos e aos límites que deben manter», destacou Montse Valcárcel.

fotos de arquivo

Comparte éste artículo
No hay comentarios