Malpica aproba por unanimidade a moción do BNG para licitar de urxencia o Servizo de Axuda no Fogar

O Pleno Ordinario do Concello de Malpica de Bergantiños aprobou por unanimidade a moción presentada polo portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Miguel Ángel Varela Varela, para exixir a licitación urxente e inmediata do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A sesión contou coa asistencia dunhas 20 traballadoras do servizo, que seguiron en directo o debate dunha proposta destinada a poñer fin a anos de irregularidade administrativa na xestión municipal.

Tres anos de iniciativas do BNG para regularizar o servizo

O acordo unánime culmina o traballo institucional desenvolvido polo grupo nacionalista dende marzo de 2023 para regularizar unha prestación esencial para as persoas maiores e dependentes do municipio:

  • 30 de marzo de 2023: Primeiro rogo no pleno advertindo das irregularidades na prestación e reclamando a apertura do expediente de licitación.
  • 30 de maio de 2024: Presentación dunha moción para demandar formalmente o concurso público e o financiamento íntegro por parte da Xunta de Galicia e do Estado.
  • 26 de setembro de 2024: Novo rogo plenario, xa coa presenza de traballadoras afectadas no salón de sesións, ante a falta de avances.
  • 31 de xullo de 2025: Segunda moción insistindo na obriga legal de cumprir estritamente coa Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público.
  • 25 de setembro de 2025: Pregunta directa ao goberno local lembrando o compromiso incumprido do alcalde, Eduardo Parga, de ter licitado o servizo en novembro de 2024.

Fin á facturación directa e aos reparos de Intervención

Durante a súa intervención, Miguel Ángel Varela explicou que o SAF —cun orzamento que en 2026 rolda os 1.157.000 euros— vénse mantendo mediante facturación directa á empresa prestataria sen contrato público vixente nin licitación. Esta situación provoca continuas advertencias e reparos formais da Intervención Municipal ao superarse os límites legais da contratación menor e manter servizos co prazo vencido.

Desde o BNG advírtese de que este modelo prioriza o beneficio empresarial sobre a calidade asistencial e agrava a situación dun cadro de persoal altamente feminizado, afectado pola precariedade laboral, un convenio colectivo caducado dende hai máis dunha década e a falta de medidas de prevención de riscos adaptadas ao seu traballo.

Os catro acordos asumidos polo Concello de Malpica

Co apoio de todos os grupos da corporación á moción nacionalista, o Concello comprométese a executar catro medidas concretas:

  1. Licitación inmediata: Finalizar de forma urxente o expediente de contratación pública do SAF conforme á Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público.
  2. Garantías laborais e asistenciais: Incluír nos novos pregos a subrogación obrigatoria de todo o persoal, criterios estritos de calidade asistencial e cláusulas sociais penalizadoras para evitar recortes no coidado das persoas maiores.
  3. Mesa de traballo co persoal: Convocar de inmediato ás representantes legais das traballadoras para incorporar as súas achegas antes da aprobación definitiva dos pregos.
  4. Financiamento autonómico e estatal: Instar á Xunta de Galicia e ao Estado a asumir o 100 % do custe real da dependencia, liberando ás arcas municipais dos 100.000 euros de fondos propios que Malpica destina actualmente a esta competencia.
Comparte éste artículo
No hay comentarios