O III Congreso de Contratación Pública da Deputación da Coruña reunirá na cidade especialistas de todo o Estado

O encontro abordará os retos actuais da contratación pública baixo o lema ‘A contratación pública ao servizo da sociedade. O círculo necesario: Administración, empresa e política’.

O deputado de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña, Xosé Luís Penas, presentou hoxe en rolda de prensa o III Congreso de Contratación Pública, que se celebrará os días 16 e 17 de xuño no Paraninfo do Reitorado da Universidade da Coruña.

Baixo o lema ‘A contratación pública ao servizo da sociedade. O círculo necesario: Administración, empresa e política’, o encontro consolidouse como un dos principais foros de reflexión e debate sobre a contratación pública en España, reunindo profesionais da administración, empresas, representantes políticos, persoal técnico e especialistas do ámbito xurídico.

Durante a presentación, Penas destacou a importancia de avanzar cara a modelos de contratación pública máis eficaces, innovadores e orientados ao interese xeral, capaces de responder aos retos económicos, sociais e ambientais actuais.

O deputado incidiu tamén no «papel estratéxico» da contratación pública como ferramenta para impulsar políticas públicas que contribúan á creación de emprego de calidade, á sustentabilidade, á igualdade de oportunidades e ao fortalecemento do tecido económico local.

Ao longo das dúas xornadas desenvolveranse relatorios e mesas de debate centrados nos principais desafíos que afrontan as administracións públicas en materia de contratación, así como nas oportunidades que ofrecen a innovación, a dixitalización e a colaboración entre institucións, empresas e profesionais para mellorar a prestación dos servizos públicos.

O Congreso reunirá a máis dunha trintena de especialistas de referencia no ámbito da contratación pública para analizar experiencias, compartir coñecementos e buscar solucións que permitan avanzar cara a procedementos máis áxiles, eficientes e transparentes. A participación no III Congreso de Contratación Pública será gratuíta e requirirá inscrición previa.

Comparte éste artículo
No hay comentarios