A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo hoxe unha reunión institucional coa subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, dentro da rolda de encontros promovida polo novo goberno municipal para reforzar a colaboración entre administracións e avanzar nos asuntos estratéxicos que afectan á cidade.
Durante o encontro, a rexedora trasladou a necesidade de impulsar distintos proxectos dependentes do Goberno central que teñen unha incidencia directa na seguridade, a mobilidade, as infraestruturas e a calidade de vida dos lucenses.
Entre as cuestións abordadas destacou a mellora da rotonda de Nadela, unha das principais portas de entrada á cidade. Elena Candia reclamou avances tanto na iluminación da rotonda como nas actuacións de humanización e seguridade viaria comprometidas para esta travesía.
Outro dos asuntos centrais foi a nova Comisaría da Policía Nacional. A alcaldesa interesouse polo estado de tramitación do proxecto e polos prazos previstos para a súa licitación e execución, ao tempo que defendeu a creación dunha Unidade de Prevención e Reacción (UPR) estable para Lugo.
A reunión serviu tamén para analizar o estado das principais infraestruturas viarias pendentes, como a N-540, a finalización da autovía A-54 e o desbloqueo da A-56 Lugo-Ourense, considerada unha infraestrutura clave para a vertebración do interior de Galicia.
No ámbito ferroviario, Elena Candia incidiu na necesidade de que a posta en servizo da estación intermodal vaia acompañada dunha mellora real das conexións ferroviarias da cidade, con máis frecuencias de trens, mellores tempos de viaxe e servizos adaptados ás necesidades actuais de Lugo.
Outro dos asuntos abordados durante a reunión foi o futuro do Cuartel de San Fernando. A alcaldesa trasladou solicitou o apoio do Goberno central para avanzar na súa rehabilitación a través dos programas de financiamento destinados á recuperación do patrimonio histórico como o 2% cultural
A alcaldesa destacou o clima de colaboración da reunión e subliñou a importancia de manter unha comunicación fluída entre administracións para facer seguimento dos proxectos pendentes. A nosa obriga é defender os intereses da cidade, colaborar con todas as administracións e facer un seguimento constante daqueles proxectos que resultan fundamentais para o seu desenvolvemento”, sinalou.
Candia enmarcou este encontro na nova etapa de relación institucional aberta polo Concello de Lugo, baseada no diálogo, na cooperación e na defensa dos intereses xerais da cidade.“Os lucenses esperan de nós que traballemos xuntos para resolver problemas e aproveitar oportunidades. Ese é o espírito co que estamos mantendo estes encontros e o que seguirá guiando a acción deste goberno”, concluíu.