Noites do Porto transforma a Noite de San Xoán nunha “romaría indie” con concertos, sardiñas e lume

As portas abriranse ás 21.00 horas nunha xornada que combinará a música de raíz e o pop contemporáneo coa proposta tradicional gastronómica da Noite Meiga.

Descubre más noticias musicales como ésta

A Noite de San Xoán, a data máis sinalada e cargada de simbolismo do calendario coruñés, contará este ano cunha proposta musical diferente. Noites do Porto converterá o peirao de Batería nunha auténtica «romaría indie» o próximo martes 23 de xuño, unindo a tradición da Noite Meiga coa música de raiz e pop alternativa nunha xornada que combinará directos, gastronomía tradicional e o ambiente festivo propio das grandes citas estivais. 

O festival dá a coñecer este xoves a coñecer os horarios oficiais dunha das suas noites principais, concibida para poñer en valor o talento con selo 100% galego. O recinto portuario abrirá as súas portas ás 21.00 horas cun DJ set de benvida e ás 22.00 horas comezará o concerto de Caamaño&Ameixeiras. O dúo, conformado por Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, consolidouse como un dos grandes referentes do novo folclore galego tras o éxito do seu álbum debut Aire! e a publicación do seu recente traballo Quitar o aire. Cunha proposta armada a base de violín, acordeón e voz, as artistas reinterpretarán os códigos da música de raíz cunha linguaxe que mantén a esencia do popular incorporando recursos contemporáneos. Unha evolución que as levou a ser sinaladas por creadores como Rodrigo Cuevas como “a banda galega que hai que ver neste 2026”. 

Á medianoite chegará a quenda do prato forte da xornada: o regreso de Xoel López á súa cidade natal. O artista coruñés ofrecerá a partir das 00.00 horas un directo histórico no escenario principal de Noites do Porto, onde presentará en exclusiva os temas do seu 17º disco de estudio, Oniria Popular, un álbum íntimo e reflexivo producido en colaboración con Adrián Seijas. Xoel López alternará as composicións do seu novo universo sonoro cun repaso polos grandes himnos da súa traxectoria. 

Para completar a noite, o público poderá gozar ao longo da xornada dos sabores máis característicos desta celebración grazas a unha proposta gastronómica na que non faltarán as tradicionais sardiñas nin o churrasco, recuperando o espírito máis popular da festa para levalo cara a un formato actual, alternativo e festivo. As entradas para esta Noite de San Xoán, así como para o resto dos días de programación, atópanse á venda a través das plataformas Ataquilla.com e Ticketmaster.

Un cartel ecléctico e a contracorrente

A proposta musical no peirao de Batería intégrase dentro dun cartel que reafirma o espírito ecléctico e «a contracorrente» que define a Noites do Porto desde a súa creación. Xunto á data de San Xoán, a sexta edición contará coas actuacións de grandes nomes internacionais e nacionais como The Horrors, COTI, Monsieur Periné, Curtis Harding, Barry B, Vera Fauna, ELLiS·D, La Tania, Lela Soto, María José Llergo e Nadadora, distribuídos en escenarios da cidade como o Teatro Colón, o Jazz Filloa, o Inn Club, o Garufa Club ou a sala Mardi Gras. Ademais, o evento contará coas sesións temáticas de Noites nos Bares ou a exposición Noites coa Arte, con artistas plásticos locais, no Bar B da Cidade Vella. 

Con esta programación, Noites do Porto -organizado por MASGALICIA e que conta co apoio do Concello da Coruña e da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco da iniciativa Concertos do Xacobeo, ademais do patrocinio de Estrella Galicia- reafírmase baixo a súa premisa fundamental: crear fitos e experiencias culturais únicas e inesquecibles cun vínculo real coa cidade. 

HORARIOS NOITE DE SAN XOÁN 2026

PEIRAO DE BATERÍA

21.00h | Apertura de portas e DJ set

22.00h | Caamaño&Ameixeiras

00.00h | Xoel López

PROGRAMACIÓN NOITES DO PORTO 2026

22.06.26, Jazz Filloa | Lela Soto (entradas esgotadas)

23.06.26, Peirao de Batería | Xoel López + Caamaño&Ameixeiras

25.06.26, Garufa Club |La Tania + Gitano de Palo

26.06.26, Peirao de Batería | Barry B + Vera Fauna

27.06.26, Inn Club | The Horrors 

28.06.26, Mardi Gras | ELLiS·D + Apolo18

30.06.26, Inn Club | Curtis Harding

01.07.26  Peirao de Batería  | COTI + Monsieur Periné 

02.07.26, Teatro Colón | María José Llergo

03.07.26, Garufa Club | Nadadora + Sudden Ray of Hope

05.07.26, Jazz Filloa | Myele Manzanza

Comparte éste artículo
No hay comentarios