O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou que «estamos a ver a facción máis franquista e reaccionaria do Partido Popular» despois de coñecer a proposición presentada polo PP no Parlamento Galego para instar a retirar as figursa de lembranza a Moncho Reboiras instaladas en varias cidades galegas «coincidindo coa celebración do 50 aniversario do asesinato de Moncho Reboiras, quen foi a última persoa asasinada polo franquismo en Galiza», lembrou Arroxo.
O portavoz do BNG lembrou que esta iniciativa xorde baixo a proposta dunha comisión promotora liderada polas fundacións Moncho Reboiras e Terra e Tempo para «render homenaxe en toda Galiza a Moncho Reboiras e avanzar na recuperación da imaxe das persoas represaliadas pola ditadura».
Con esta acción, o Concello de Lugo lembrou a figura de Moncho Reboiras como unha persoa simbólica na loita pola liberdade e os dereitos fundamentais, promovendo a memoria histórica mediante unha intervención artística «seguindo a liña que executamos desde a nosa chegada ao goberno no 2019, lembrando a todas as persoas represaliadas polo Franquismo o Día da Galiza Mártir ou coa colocación dunha imaxe en lembranza ás persoas represaliadas nun lugar destacado do Cemiterio Municipal».
Arroxo destacou o legado de Moncho Reboiras «unha figura clave na organización da clase traballadora galega, que axudou a crear o Sindicato Obreiro Galego, organización antecesora da CIG», e lembrou que «non foi ata o ano 2009 cando o Estado español o recoñeceu oficialmente como unha vítima do franquismo, a última persoa asasinada polo réxime na Galiza».
Reboiras foi asasinado na madrugada do 12 de agosto de 1975, despois de que na noite do 11 de agosto, a Brigada Político Social (BPS) establecera un control no barrio ferrolán de Canido. Ás 2 da mañá varios efectivos da Brigada xunto a varios axentes da Policía Armada acordoaron o edificio onde se atopaba Reboiras, que logra zafarse da policía durante máis de dúas horas, logrando finalmente esta darlle alcance no portal da rúa da Terra.