CCOO denuncia ante a Inspección o procedemento empregado na retirada de amianto da Comisaría Provincial de Pontevedra

CCOO presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo polo procedemento seguido durante os traballos de retirada de amianto na Comisaría Provincial de Pontevedra. A Federación de Servizos á Cidadanía do sindicato asegura que a actuación se desenvolveu sen as medidas preventivas necesarias para garantir a seguridade tanto das persoas traballadoras como das que acudían realizar xestións. O sindicato tivo coñecemento da intervención a través do propio persoal, sen que ningún responsable policial o comunicase previamente aos delegados e delegadas de prevención.

Segundo explica CCOO, durante estas tarefas o persoal permaneceu nas instalacións, recibindo como única indicación que pechase as ventás que dan aos patios interiores. O secretario xeral da sección sindical estatal no Ministerio do Interior, Fernando García Castro, advertiu dos riscos asociados á manipulación desta substancia, cuxas partículas poden provocar graves enfermidades respiratorias a longo prazo.

Outras irregularidades denunciadas polo sindicato son a falta de delimitación ou axeitado selado da zona de traballo ou a ausencia dunha limpeza posterior. Ademais, o material retirado permaneceu nunha zona de paso e non consta a realización de medicións no interior do edificio ao concluíren as tarefas.

O sindicato reclama a adopción das medidas necesarias para garantir a protección da saúde do persoal e das persoas usuarias da comisaría, así como a depuración das posibles responsabilidades derivadas dunha actuación que considera contraria aos protocolos de prevención de riscos laborais.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios