O presidente da Deputación valorou «moi positivamente» que a provincia poida contar coa estreita representación dun país que considera «tan importante, influente e decisivo» para Ourense como é México, subliñando ademais os fortes vínculos que ten este país coa provincia, nomeadamente en lugares como Avión ou Beariz.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo un encontro institucional con Alfonso Pereira, novo cónsul honorario de México en Galicia, con motivo da súa recente toma de posesión.
Durante a reunión, Menor valorou «moi positivamente» que a provincia poida contar coa estreita representación dun país que considera «tan importante, influente e decisivo» para Ourense como é México, subliñando ademais os fortes vínculos que ten este país coa provincia, nomeadamente en lugares como Avión ou Beariz.
O encontro serviu para abordar as relacións bilaterais nun dobre sentido. Por unha banda, o presidente provincial destacou o firme compromiso da Deputación para «coidar e amparar» á comunidade ourensá que reside no país azteca, así como para atender as necesidades que poidan ter na súa terra de orixe.
Por outra banda, a reunión centrouse no ámbito económico. O presidente da Deputación subliñou que o perfil de Alfonso Pereira, unha persoa moi vinculada ao mundo da economía e a empresa, servirá como «altofalante» para situar á provincia de Ourense no punto de mira de «posibles investimentos». O obxectivo é atraer non só o capital daqueles empresarios mexicanos que teñen raíces galegas, senón tamén abrir a porta a novos investidores doutros lugares do país.
Pola súa banda, o novo cónsul de México en Galicia mostrouse «moi ilusionado e contento» de que a representación consular galega estea tan vinculada a Ourense, dada a especial relación histórica que une a ambosterritorios. Pereira trasladou a Luis Menor as súas enormes «ganas de traballar» en favor da comunidade no exterior, de captar investimentos para a provincia e de manter, en todo momento, unha «relación moi fluída» entre ambas as institucións.