Os betanceiros visitan a pista do Okticket Círculo Gijón, líder da liga
Aamari Smith, Samu Barros, Alogo, Lance Paul… Con só mirar a plantilla do Okticket Círculo Gijón, vindeiro rival do Santo Domingo, un se decata de que estamos perante un conxunto doutra categoría. Os xixoneses, que descenderon de Segunda FEB (antiga LEB PLATA) ao remate da temporada pasada, son firmes candidatos a opositar ao ascenso e recuperar a categoría, como demostra o seu pleno de vitorias á data (8 vitorias en 8 partidos). Líderes da competición xunto co Marín Ence Peixe galego, os asturianos non son prato de gusto para ningún rival e máxime se este vén de sumar a sexta derrota da temporada e segue arrastrando problemas no xogo interior, como é o caso do Ineltrón Santo Domingo Betanzos.
Así valora o encontro o adestrador betanceiro, José Amando Pena “Soviético”: “O equipo de Gijón é do mellor da categoría. Aínda que se presenta moi difícil, imos intentar competir e mellorar o noso xogo, sobre todo en defensa. É unha oportunidade para que os nosos xogadores que se están incorporando das lesións teñan minutos e se vaian adaptando ao ritmo da competición”.
A cita terá lugar o sábado ás 20h, no pavillón Presidente Adolfo Suárez, de Xixón, e poderá seguirse por BalONcesto TV.
Dobre enfrontamento con Estudiantes Lugo e cruces de final da primeira fase
Polo demais, a axenda de fin de semana do resto do club vén marcada por unha dobre cita contra Estudiantes Lugo e varios cruces cos que remata esta primeira fase de inverno. Polo que toca aos partidos contra o club lucense, estes correspóndese aos enfrontamentos das infantís de Warnier Informática e o dos cadetes de J.Caamaño Arquitecto: ambos os dous conxuntos xogarán no Anexo ao Pazo dos Deportes de Lugo á mesma hora do domingo (12h). No que respecta aos cruces da Fase de Inverno, os júnior xogan na casa o seu partido de cuartos fronte a Baloncesto Narón (domingo 17h) e as júnior a volta da súa eliminatoria de semifinais fronte a Compañía de María (domingo 19h), ás que xa gañaron na Coruña na ida por 48-53. Comezan a Segunda Fase de Inverno as cadetes de Decornaveira medíndose a Compañía de María (sábado 12h, igualmente na casa) e, no que respecta ao sénior, o conxunto feminino abre a xornada cunha cita madrugadora: 20h do venres fronte a Arteixo no pavillón das Mariñas. La Goleta, o sénior masculino de Terceira xoga contra Los Rosales fóra (sábado 18h), o de segunda aprazou o seu partido e os infantís xogan no pavillón As Mariñas o sábado ás 16h contra Cambre.
No tempo para a canastra pequena, intensa xornada no pavillón das Mariñas este sábado, con encontros para os alevíns de 2015 (9.30h contra Montrove), os alevíns de 2016 (9,30h contra Basquet Coruña), os premini feminino (12.30h contra Cambre) e as premini feminino (12.30h contra Calasanz).