A Deputación da Coruña reactiva as obras de ampliación e mellora da estrada de Hospital a Brens, en Dumbría, nas que inviste 1,7 M€

Valentín González Formoso e Raúl González Lado supervisaron hoxe os traballos, que permitirán completar a mellora da DP-2302 tras anos de paralización e reforzar a seguridade viaria entre Hospital e Brens.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Dumbría, Raúl González Lado, visitaron hoxe as obras de terminación da estrada DP-2302 de Hospital a Brens, unha actuación xa en execución na que a institución provincial inviste 1.697.417,32 euros.

Os traballos afectan a un tramo de preto de 3,8 quilómetros, comprendido entre os puntos quilométricos 2+100 e 5+890, e permitirán completar unha intervención considerada fundamental para mellorar as comunicacións do municipio e reforzar a seguridade viaria nunha estrada de uso habitual para a veciñanza de Dumbría e da comarca.

Para garantir que a actuación se execute coa maior axilidade posible e asegurar o remate definitivo das obras, a Deputación adxudicou os traballos á sociedade pública TRAGSA, como medio propio da institución provincial.

Formoso subliñou que esta decisión “responde á vontade da Deputación de dar unha solución rápida e definitiva a unha obra que levaba demasiado tempo paralizada”. “O obxectivo é que os traballos avancen canto antes, con todas as garantías, e que esta estrada poida estar rematada no menor prazo posible”, afirmou o presidente provincial.

O presidente incidiu en que esta actuación “permite desbloquear unha obra nunha vía fundamental para Dumbría e para toda a comarca da Costa da Morte, que levaba demasiado tempo pendente, e cumprir o compromiso adquirido co Concello e coa veciñanza”. 

Pola súa banda, o alcalde de Dumbría, Raúl González Lado, valorou o inicio dos traballos como “un paso moi importante para mellorar unha vía clave para o municipio” e agradeceu á Deputación “a súa implicación, nomeadamente a Valentín e á deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, para dar unha solución definitiva a unha obra que era moi necesaria para a seguridade e a mobilidade da veciñanza”.

As obras foran iniciadas no ano 2021, cun orzamento inicial de 826.753 euros, pero as demoras na execución e o posterior abandono por parte da empresa adxudicataria provocaron a resolución do contrato tras un longo proceso administrativo e xudicial. Para garantir o remate da actuación coa maior axilidade posible, a Deputación encargou os traballos á sociedade pública TRAGSA, como medio propio da institución provincial.

O proxecto agora en marcha dará continuidade ás actuacións previstas inicialmente, reparará os danos ocasionados polo tempo transcorrido e incorpora melloras adicionais para incrementar a seguridade da vía. Entre elas figuran o asfaltado completo de todo o tramo, a instalación de novas barreiras de protección e varanda, a retirada de pretiles e a execución de obras complementarias para mellorar o sistema de drenaxe.

Unha estrada máis ampla e segura

O obxectivo principal da intervención é mellorar as condicións de circulación e seguridade viaria no tramo que conecta os núcleos de Hospital e Brens. Para iso, ampliarase a sección actual da estrada, que pasará a contar con dous carrís de circulación de entre 3 e 3,25 metros de ancho e beiravías de 0,50 metros.

A actuación inclúe tamén a execución de carrís de espera e cuñas nas interseccións, a corrección de curvas e a mellora da visibilidade. Ademais, prestarase especial atención á mobilidade peonil coa construción dun tramo de senda na marxe esquerda, de dous metros de ancho.

O proxecto contempla tamén a adaptación á nova rasante das estradas municipais que enlazan coa DP-2302, co obxectivo de mellorar as interseccións e facilitar unha circulación máis segura.

Os traballos completaranse coa sinalización vertical e horizontal da vía e coa instalación das novas barreiras de seguridade necesarias. O prazo de execución previsto é de oito meses.

Comparte éste artículo
No hay comentarios