Furor desatado coa visita de León XIV a Madrid, onde foi recibido en loor de multitudes nun país constitucionalmente aconfesional por autoridades e cidadáns que, a diferenza doutras aterraxes pontificias, contou cunha diversidade inaudita que abarca desde sindicalistas ata cantantes coma Rozalén e actores como Antonio Banderas, que de repente aparecen como rendidos súbditos dun estamento decadente con non poucos pecados as súas costas, pero esquecidos ante tanto foco mediático e a posibilidade de quedar como deus, nunca mellor dito.
A mensaxe papal de unidade e amor ao próximo sen distinción de razas nin cores, non fixo nin pestañexar aos que en primeira fila poñían olliños ao Pontífice mentres se esforzan en lexislar a diario para implantar a «prioridade nacional» que exclúe a todo aquel ou aquela non nados na patria española nin branquiños de pel. Os bicamáns decimonónicos televisados e a esquerda, que noutro tempo fuxía das proclamas da igrexa, impertérrita escoitando no propio Congreso os seus ataques ao aborto e á eutanasia, dereitos acadados con non pouco sufrimento e instalados por fin na nosa sociedade despois de moita loita. Agás Podemos e o BNG, que preferiron ser consecuentes co que predican e foron os dous únicos grupos que se ausentaron, non deixándose caer na tentación da foto histórica dun Papa da igrexa de Roma por primeira na sacrosanta casa da Democracia, onde o divino non ten moita cabida e, aínda menos, as proclamas dalguén que preside unha institución nada democrática nin igualitaria, homófoba, cómplice de abusos sexuais a menores e opulenta no que recauda pero non comparte. Porque obviamente unha cousa é predicar e outra dar trigo. Empapados dun papanatismo que ameaza con converternos a todos en seres non de luz, senón cada vez máis carentes de luces.