Maite Ferreiro: “A 10 días do Arde Lucus aínda non temos programa nin entradas”

 A concelleira do BNG, Maite Ferreiro, criticou que a 10 días do inicio do Arde Lucus «o goberno aínda non comezou a distribuír o programa nin o publicou na web». A poucos días do inicio da festa de interese turístico internacional do Concello de Lugo, a veciñanza de Lugo e os centos de persoas que se van achegar a Lugo nestas datas non poden planificar aínda a súa visita ás festas, nin adquirir entradas para eventos como o Circo Romano, «unha absoluta falta de planificación por parte do Goberno Municipal», afirmou Maite Ferreiro, quen destacou que «nin o boletín cultural conta coa programación para a fin de semana do Arde Lucus».

A edil do BNG afirmou que «estamos ante un novo exemplo de que ao PP non lle interesa a cultura», e reclamou ao goberno «que se poñan a traballar xa para que o Arde Lucus siga a ser un gran evento que poña a Lugo no mapa». Ferreiro criticou que o PP desde a oposición reclamaba «coidar e mellorar este evento, mentres que agora desde o goberno están a maltratalo, atrasando cuestións tan básicas como publicar o programa».

«A cultura é un dereito que, ademais, xera riqueza, trátase da expresión máis visíbel do que somos e de como entendemos o mundo», declarou Maite Ferreiro, que engadiu «é unha ferramenta esencial para a cohesión, a transformación social e o fortalecemento da identidade galega». A concelleira do BNG afirmou que o Goberno Municipal «ten que cambiar de rumbo co que fixo durante este mes e apostar en serio pola cultura».

Comparte éste artículo
No hay comentarios