O Concello de Lugo acolle a presentación do libro “60 anos de Aspnais”, unha homenaxe á traxectoria da entidade e ás persoas que a fixeron posible

O Concello de Lugo acolleu esta tarde a presentación do libro 60 anos de Aspnais, unha publicación coordinada por Xulio Xiz e Antonio Giz que repasa a historia da asociación e rende homenaxe a todas as persoas que contribuíron ao seu desenvolvemento ao longo destas seis décadas.

A obra recolle cen olladas que, desde o respecto, o afecto e a memoria, achegan unha visión plural sobre as orixes, a evolución, a misión e os valores dunha entidade que se converteu nun referente no apoio ás persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias.

Durante o acto, os coordinadores da publicación destacaron que o libro nace coa vontade de conservar a memoria dunha iniciativa que transformou a vida de moitas persoas e de recoñecer o esforzo colectivo de quen fixeron posible o seu crecemento ao longo dos anos.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, participou na presentación e quixo trasladar o seu recoñecemento á entidade e a todas as persoas que formaron parte da súa historia.

“Falar de Aspnais é falar dunha entidade que soubo medrar sen perder nunca a súa esencia: a proximidade, o coidado e a defensa da dignidade de cada persoa”, destacou.

Candia puxo en valor o compromiso, a humanidade e o traballo constante dunha asociación que, desde hai seis décadas, desenvolve unha labor fundamental na construción dunha sociedade máis inclusiva e solidaria.

A rexedora recoñeceu tamén a profesionalidade do equipo, a implicación do voluntariado e o esforzo das familias, subliñando que o seu traballo diario permite que moitas persoas conten co apoio necesario para desenvolver o seu proxecto de vida.

“Aspnais é un exemplo do mellor da nosa sociedade, da capacidade de unir esforzos para construír unha cidade máis xusta, máis humana e con máis oportunidades para todos”, sinalou.

A alcaldesa felicitou á entidade polo seu 60 aniversario e trasladoulle os seus mellores desexos para seguir avanzando no futuro coa mesma ilusión, compromiso e vocación de servizo que marcaron a súa traxectoria.

A publicación constitúe unha homenaxe colectiva a todas as persoas que, ao longo destes sesenta anos, contribuíron a facer de Aspnais unha entidade de referencia e un exemplo de compromiso social na cidade de Lugo.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios