A iniciativa, integrada no Programa de Fomento Deportivo 2026 da institución provincial, percorrerá Muíños, Ribadavia, O Carballiño, Xinzo de Limia, Allariz e o Barco de Valdeorras antes da gran final, que será no Pazo Paco Paz o 19 de setembro.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na presentación do novo Circuíto Basket 3×3 Deputación de Ourense, unha iniciativa promovida pola institución provincial en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto que levará esta modalidade deportiva olímpica a seis concellos da provincia durante os meses de agosto e setembro.
O proxecto forma parte do Programa de Fomento Deportivo 2026 da Deputación de Ourense e nace co obxectivo de fomentar a práctica deportiva, promover hábitos de vida saudables e achegar o baloncesto a toda a cidadanía a través dun formato dinámico, participativo e accesible.
Durante a presentación, Luis Menor destacou que esta primeira edición do circuíto responde á aposta da institución provincial por un deporte “próximo, integrador e capaz de chegar a todos os recunchos da provincia”, subliñando ademais que o deporte constitúe unha ferramenta fundamental para mellorar a saúde, favorecer a convivencia e dinamizar a vida social dos municipios.
O presidente provincial salientou tamén que o baloncesto 3×3 é unha das disciplinas con maior crecemento internacional nos últimos anos, converténdose nun deporte olímpico que destaca pola súa capacidade para atraer participantes de todas as idades grazas a un formato máis áxil, urbano e accesible.
O circuíto percorrerá os concellos de Muíños (16 de agosto), Ribadavia(21 de agosto), O Carballiño (22 de agosto), Xinzo de Limia (29 de agosto), Allariz (30 de agosto) e O Barco de Valdeorras (05 de setembro), reforzando o compromiso da Deputación coa descentralización das actividades deportivas e coa creación de oportunidades de participación en todo o territorio provincial.
A competición está aberta tanto a xogadores federados como non federados e contará con categorías de preminibasket e minibasket, infantil e cadete, así como júnior e sénior, podendo participar equipos masculinos, femininos ou mixtos.
Ademais da competición deportiva, cada unha das sedes acollerá unha completa programación de animación e actividades complementarias, convertendo cada xornada nun espazo de encontro, convivencia e promoción dos valores positivos asociados ao deporte.
Os dous equipos finalistas de cada categoría en cada unha das sedes clasificaranse para disputar a gran final do Circuíto Provincial de Basket3x3, que terá lugar o próximo 19 de setembro no Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense.
Luis Menor agradeceu a colaboración da Federación Galega de Baloncesto e dos concellos participantes, expresando a súa confianza en que esta primeira edición “se converta nun éxito e sente as bases dunha cita chamada a consolidarse no calendario deportivo provincial nos vindeiros anos”.