Máis de 140.000 euros de facturas do Fuxan os Ventos nos xulgados, colapso en trámites básicos como concesión de vados, ou un transporte que non soluciona as necesidades dos lucenses
Os concelleiros Antonio Ameijide e Javier Vázquez presentaron hoxe o “Decálogo do desgoberno do BNG no Concello de Lugo”, un repaso a algúns dos principais problemas que o actual Goberno municipal está a atopar.
Os edís advertiron de que detrás da imaxe que tentou proxectar o Bloque agochábase unha realidade marcada pola falta de planificación, a ausencia de control, o deterioro dos servizos públicos e a acumulación de problemas que hoxe condicionan o funcionamento do Concello.
Entre os exemplos máis significativos citaron a situación do servizo de Cultura, onde se acumulan facturas cuestionadas polos técnicos municipais e pagadas mediante decreto
A esta situación súmase a xestión do Auditorio Fuxan os Ventos, que comezou a funcionar sen ordenanza de uso, sen taxas municipais e sen mecanismos claros de control. Os concelleiros lembraron que todas as facturas relacionadas coa súa actividade entre febreiro de 2025 e febreiro de 2026 se atopan actualmente nos xulgados e suman un importe de 140.925,12 euros.
Outro dos asuntos destacados foi a situación da rúa da Milagrosa, unha das principais obras da cidade que permaneceu paralizada durante meses tras a decisión do anterior goberno de rescindir o contrato coa empresa adxudicataria. Unha decisión que posteriormente foi cuestionada polo Consello Consultivo de Galicia.
Ameijide e Vázquez tamén puxeron como exemplo da falta de coordinación do anterior executivo a existencia de dúas brigadas municipais independentes, unha dependente do PSOE e outra do BNG, o que dificultaba a resposta ante incidencias e necesidades de mantemento da cidade.
No ámbito das infraestruturas, criticaron actuacións que, ao seu xuízo, evidencian unha clara falta de planificación. Entre elas citaron o Carril das Flores, presentado como unha das grandes actuacións do Bloque e que agora require revisións e modificacións.
A comparecencia tamén serviu para analizar a situación do transporte urbano. Os concelleiros lembraron que continúan sen cumprirse compromisos anunciados polo anterior goberno como a aplicación móbil para usuarios, a xeolocalización dos autobuses ou o correcto funcionamento dos paneis informativos. Ademais, cuestionaron a xestión do transporte a demanda no rural.
Outro dos problemas expostos foi a falta de planificación en materia de persoal. Deixaron caducar 59 prazas correspondentes a distintas ofertas públicas de emprego, provocando vacantes sen cubrir e dificultades en servizos municipais esenciais.
No apartado da xestión ordinaria, os edís puxeron o foco no depósito municipal do Ceao, onde se acumulaban 244 vehículos sen tramitar a súa retirada, así como na existencia de coches abandonados durante anos na vía pública e máis de medio cento de solicitudes de vado pendentes, algunhas delas desde o ano 2022.
Tamén denunciaron o abandono de necesidades de mantemento nos centros escolares e as incidencias rexistradas nas actividades extraescolares, que afectaron a centos de familias da cidade.
Por último, Ameijide e Vázquez referíronse á perda de servizos públicos municipais como a Banda Municipal de Música e ao peche da Escola Municipal de Música, que permanece sen actividade desde hai máis dun ano.