COGAMI celebrou en Santiago de Compostela a súa XXXVI Asemblea Anual, o máximo órgano de decisión da Organización, no que participan membros da Xunta Directiva e membros das entidades que forman parte do movemento asociativo.
Nesta sesión, presentáronse as actividades desenvolvidas ao longo do último exercicio, as contas de resultados da Organización e o plan operativo previsto para este ano. Na quenda de rogos e preguntas, abordouse unha das cuestións que máis preocupación está a xerar entre as persoas con discapacidade e as súas familias e que están a trasladar ás entidades: a demora nos procesos de valoración da discapacidade.
As catro Federacións Provinciais de COGAMI trasladaron a existencia de esperas que, nalgúns casos, poden chegar ata os tres anos para obter unha cita cos Equipos de Valoración e Orientación da Discapacidade (EVO). A pesar de que a Xunta de Galicia anunciou recentemente o reforzo destes equipos con máis persoal, a realidade que chega ás entidades é que moitas persoas denuncian a longa espera para realizar a entrevista necesaria para a obtención ou revisión do seu certificado de discapacidade.
Dende COGAMI advertimos que estes atrasos teñen consecuencias directas na vida das persoas afectadas. Non contar cunha valoración ou cunha revisión do grao de discapacidade en tempo e forma limita o acceso a dereitos, recursos e servizos fundamentais, dificultando cuestións tan relevantes como a incorporación ao mercado laboral, o acceso á educación, á accesibilidade, á atención sanitaria ou ás prestacións destinadas a compensar situacións de desigualdade.
“O certificado de discapacidade é a porta de entrada a dereitos, recursos e prestacións. Retrasar a súa concesión significa retrasar tamén a igualdade de oportunidades das persoas”, declaraba o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga.
Ante esta situación, COGAMI solicitará unha reunión coa Consellería de Política Social e Igualdade co obxectivo de coñecer as medidas que se están a adoptar e trasladar propostas que permitan axilizar os procedementos de valoración e revisión da discapacidade, garantindo unha atención áxil e acorde ás necesidades das persoas solicitantes.
Decreto de Accesibilidade
Outra das demandas trasladadas durante a Asemblea de COGAMI foi a necesidade de aprobar o decreto que desenvolva a Lei de Accesibilidade de Galicia, en vigor dende 2014. A entidade considera este regulamento imprescindible para garantir o exercicio efectivo dos dereitos das persoas con discapacidade. E recorda que este decreto tería que estar desenvolvido no prazo máximo de dous anos dende a entrada en vigor da lei, polo que leva xa 10 anos de retraso.
COGAMI lembra que a lei establece os principios xerais en materia de accesibilidade, pero carece do desenvolvemento técnico necesario para garantir a súa aplicación práctica. Cómpre subliñar que este regulamento de desenvolvemento e o código de accesibilidade constitúen dúas ferramentas fundamentais para concretar os requisitos que deben cumprir edificios, espazos públicos, medios de transporte e servizos, facilitando o seu cumprimento por parte das administracións e do sector privado.
Transporte público
Outro dos asuntos tratados durante a XXXVI Asemblea Anual de COGAMI foi sobre a falta de transporte accesible, unha problemática que continúa limitando a autonomía e a participación social de moitas persoas con discapacidade, especialmente das usuarias de cadeira de rodas.
A insuficiente cobertura do transporte público colectivo obriga a moitas persoas a depender do taxis para acudir a consultas médicas, realizar trámites administrativos ou levar a cabo actividades cotiás tan básicas como facer a compra ou acudir a unha entidade bancaria. A realidade é que os municipios carecen de vehículos adaptados, limitando a mobilidade destas persoas.
“Estamos totalmente en desvantaxe as persoas con mobilidade reducida”, expresa Anxo Queiruga. “Dende COGAMI cremos que as licenzas de taxis novas que se adxudiquen deben de ser para eurotaxis así como a renovación das flotas, que os vehículos se vaian substituíndo por uns que estean adaptados”.
Dende COGAMI sinalan que a ausencia de alternativas accesibles condiciona seriamente a mobilidade e a igualdade de oportunidades das persoas con mobilidade reducida, especialmente no ámbito rural e nas localidades con menor oferta de transporte.