Segundo explica Castiñeira, este millón cen mil euros será sufragado polos veciños a través das subidas das taxas da auga aprobada hai dous anos polo PSOE e o BNG.
O Partido Popular de Foz amosa a súa preocupación polo proxecto de orzamentos municipais presentado polo equipo de goberno, ao contemplar o gasto de 1,1 millóns de euros procedentes do canon da auga durante os primeiros meses de vixencia do novo contrato do ciclo integral da auga, unha contía que estaba prevista para un período de quince anos.
O portavoz popular, Javier Castiñeira, considera que esta decisión supón unha grave irresponsabilidade económica e unha mostra máis da deficiente xestión do executivo local.
“O goberno de Foz vai gastar un millón cen mil euros do canon da auga nos próximos seis meses. Algo que figuraba no contrato do ciclo da auga, pero hai que recordar que este contrato ten unha vixencia de quince anos. O que non podemos entender é que o equipo de goberno pretenda liquidar agora mesmo esa cantidade en apenas seis meses2, sinala.
Segundo explica Castiñeira, este millón cen mil euros será sufragado polos veciños a través das subidas das taxas da auga aprobada hai dous anos polo PSOE e o BNG. “Isto parécenos verdadeiramente infame. Non se pode inflar un orzamento co canon da auga e gastar todo ese diñeiro nos primeiros meses dun contrato que ten que dar servizo durante quince anos”. Critica.
O portavoz popular denuncia ademais que estes fondos non se destinarán a investimentos nin a melloras relacionadas co ciclo da auga. “O peor de todo é que non se van empregar para investimentos, senón para gasto corrente. Estamos utilizando uns recursos extraordinarios para financiar gastos ordinarios do Concello”, advirte.
Neste sentido, destaca que o capítulo de investimentos previsto nos orzamentos apenas alcanza os 246.000 euros, arredor do 1,7% do total das contas municipais. “Estamos a gastar un millón cen mil euros que deberían estar ligados a investimentos e obras, preferentemente vinculadas ao ciclo da auga, e non a sufragar gasto corrente”, indica.
Para Castiñeira, esta política económica compromete seriamente o futuro das arcas municipais. “O que se pregunta o Partido Popular é que vai pasar en 2027 cando xa non teñamos ese millón cen mil euros, pero a maquinaria do Concello estea acostumada a gastar como se seguise dispoñendo deles. Estamos hipotecando o futuro por un interese exclusivamente electoralista”, afirma.
O PP tamén critica a falta de participación na elaboración das contas municipais. “Son uns orzamentos nos que non participou nin o Partido Popular nin a cidadanía, a pesar de que precisamente PSOE e BNG defendían a participación no seu momento”, lembra.
Os populares consideran ademais que as contas consolidan os efectos da subidas de impostos e taxas aprobadas polo actual goberno. Entre elas, destacan o incremento da contribución, que supón máis de 360.000 euros adicionais de recadación, dos que arredor de 170.000 euros corresponden aos veciños das parroquias.
Por todo iso, o Partido Popular anuncia que non apoiará os orzamentos municipais. “Estamos ante un auténtico despropósito que vén confirmar a malísima xestión económica e administrativa deste equipo de goberno. A próxima corporación municipal terá que asumir as consecuencias dunha política baseada no gasto inmediato e non na planificación responsable”, conclúe Javier Castiñeira.