Xunta de Persoal do Hospital da Mariña. Pancarta negra: a represión non calará as protestas de doentes e profesionais

Este mércores, traballadoras/es da sanidade e usuarios/as volveron mobilizarse no Hospital da Mariña logo da confiscación no día de onte da faixa artística, cunha pancarta negra que metaforicamente quere explicar que quen dirixe a nosa sanidade quere «negar a evidencia» e «invisibilizar» a situación crítica da sanidade da Mariña.

Desde hai xa moitas semanas, persoal e pacientes do Hospital da Mariña, en Burela, maniféstanse contra a falta de persoal e medios no centro e a conseguinte derivación de doentes a Lugo. Advirten da marcha de profesionais polas condicións de traballo «que non permiten unha axeitada atención» e mais pola inestabilidade laboral que provocan «contratos lixo». 

As mobilizacións reclaman, ademais, a mellora da sanidade pública en toda a comarca da Mariña e sinalan o SERGAS pola «infradotación» de varias categorías profesionais ou por casos concretos como a falta de técnicas auxiliares de Enfermaría no servizo de partos, de creación de prazas de técnicos e técnicas de Farmacia ou de persoal de fisioterapia en varios centros de saúde malia «existiren profesionais nas listas de contratación». 

Entre os carteis que o persoal e os pacientes luciron na mobilización deste martes puideron volver lerse mensaxes como «humanizar non é trasladar»«derivar é maltratar», «responsables dimisión» ou «a asistencia sanitaria non está garantida». Ademais, volveron reclamar «área sanitaria propia», ao entender que a supresión da da Mariña é parte principal dos problemas que agora denuncian. 

Retirada dunha faixa artística.

A obra, «metáfora da vulnerabilidade dos e das pacientes ante as demoras e falta de coidados», foi pendurada onte pola mañá na varanda do hospital.

A equipa directiva do Hospital ordenou confiscar a pancarta artística que penduraran na varanda  no edificio «Polo coidados das persoas doentes da Mariña». Unha medida que definiron «como un acto de represión e de censura sen precedentes « e aseguraron que a día de hoxe seguen «sen ter comunicación oficial por parte da Dirección do motivo e de onde se atopa a obra artística».

Anuncian que continuarán con respostas contundentes contra unha decisión que consideran unha forma de «represión» dunha protesta lexítima que combina arte e denuncia. «A represión non calará as protestas de doentes e profesionais na defensa dunha sanidade pública digna e de proximidade, dende A Mariña e para A Mariña».

Comparte éste artículo
No hay comentarios