Bad Bunny e a casiña de Pablo Rivera

Semella sorprendente que Pablo Rivera se dedique a escribir sobre os novos nomeamentos do PP, nos cales pode ou non ter razón, pero resulta atronador que viva nunha realidade paralela.

A memoria é curta, pero no momento no que o «besteirismo» creou aquel espectáculo para cargarse dun plumazo a Manuel Martínez, que vencera na pelexa pola Deputación, e a González Santín, o outro candidato co que tamén estaba arranxada a Presidencia, a verdadeira lideresa, co beneplácito de Gómez Besteiro, tiña preparada a Presidencia para Pablo Rivera. Xa saben, compra de vestido por parte de familiares incluída. Nese momento, os números non deron, pero Rivera recompúxose achegándose a Darío Campos, un presidente que, máis alá de ser un bo home, acabou caendo do cargo; iso si, por ser moi boa persoa.

Na entente para facerse cargo do partido na provincia houbo movementos favorables a Álvaro Santos, mentres Rivera seguía intentando facerse co control provincial. Con Rocío Cruz, desde ese momento, o benestar do partido na provincia e na Deputación foi un barco difícil de manter.

A incompetencia de Álvaro Santos levouno a complicarse considerablemente, tanto con Lara Méndez, á que retou en varias ocasións, como co sector de Pablo Rivera. Mentres tanto, a verdadeira líder, ante a ausencia pública de Besteiro, tecía os fíos para tentar cargarse a Santos e poñer a Rivera no seu lugar. Namentres, Tomé viraba a favor de Gonzalo Caballero de cara á galería e facía xogo aos de Besteiro polo outro lado.

Unha nova operación estaba en marcha, a caída de Álvaro Santos e de Darío Campos no mesmo paquete, para abrazarse a José Tomé e ser o seu delfín. Operación levada a cabo con éxito, o de Monforte ao cargo de todo e Pablo Rivera de recadeiro, iso si, cun bo soldo ano tras ano.

No 2023, os movementos foron tibios para cargarse a José Tomé; pero, mentres Rivera almorzaba con Tomé, tomaba café a media mañá con Besteiro e compañía para posicionarse. Daba o perfil perfectamente, manexable e con pouco contido. Mais a operación non fraguou.

Hai uns meses, cando saltou o tema Tomé, do que xa se falaba antes da súa caída na cidade, xa había posicionamento para facerse coa Presidencia da Deputación. Caeu Tomé e, desde ese momento, novos movementos para facerse coa Presidencia, aínda que os deputados que apoiqan a Iván Castro, ( cada vez ten máis tropa nas suas ringleiras),máis non o permitirían e volveu tocar a cruz.

Agora, con Carmela López na Presidencia, o seu rol non é o principal, pero claro, toca unha vez máis recompoñerse e ver o que pasa. A realidade é un circo permanente, elucubrando anos e anos. Pouco contido, intentando facer méritos, catro cousas nas redes sociais e un cliché de facer ver que sabe do que fala: déronlle e danlle para vivir da política durante moitos anos. Así están as cousas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios