Serrano advirte da “preocupante situación” tendo en conta que “este posto debe atender tamén aos milleiros de peregrinos que discorren pola zona polo Camiño Francés de Santiago”.
Os senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- veñen de rexistrar unha iniciativa parlamentaria para esixir explicacións ao Goberno de Sánchez pola grave falta de efectivos e medios materiais que sofre o posto da Garda Civil de Portomarín -que tamén dá servizo a Paradela- e que evidencia o progresivo deterioro dos servizos de seguridade no rural lucense.
Segundo a información recollida, o catálogo desta unidade contempla unha dotación formada por un sarxento, un cabo e seis gardas civís. Porén, na actualidade só prestan servizo un sarxento e dous gardas civís, o que significa que a cobertura efectiva apenas alcanza un terzo das prazas previstas para os axentes, permanecendo ademais vacante a praza de cabo.
Esta realidade contrasta coa existente no ano 2018, cando o cuartel contaba coa totalidade da súa plantilla cuberta ao longo de todo o ano. “Mentres que o Ministro sostén que se gañaron efectivos con respecto ao 2018, a realidade é que o cuartel de Portomarín sofre unha importante redución de persoal”, apunta Serrano.
“É imposible manter o mesmo nivel de servizo cando onde debería haber seis gardas civís só hai dous. O Goberno non pode seguir mirando para outro lado mentres se baleiran de efectivos os postos da Garda Civil no rural”, segundo sinala o senador popular.
A esta falta de persoal súmanse os problemas cos medios materiais. Un dos vehículos adscritos ao posto atópase inmobilizado desde hai meses no taller, mentres que o segundo sufriu unha avaría que obrigou a recorrer temporalmente a un vehículo prestado por outra unidade para poder continuar prestando servizo.
O Partido Popular considera especialmente preocupante esta situación “tendo en conta a importancia estratéxica do posto de Portomarín, que atende unha zona atravesada polo Camiño Francés de Santiago e que recibe cada ano milleiros de peregrinos procedentes de todo o mundo”, segundo puntualiza Serrano.
“A seguridade dos veciños e dos peregrinos non pode depender de cadros de persoal infradotados nin de vehículos avariados. O que está a ocorrer en Portomarín é un exemplo máis do abandono que sofren numerosos postos da Garda Civil na provincia de Lugo”, denuncian.
A través da iniciativa rexistrada no Senado, o PP reclama ao Ministerio do Interior que detalle as medidas previstas para cubrir as vacantes existentes, recuperar os niveis de efectivos contemplados no catálogo oficial e garantir que a unidade dispoña dos medios materiais necesarios para desenvolver con normalidade as súas funcións.
Os populares advirten de que a seguridade no rural non pode seguir sendo a gran esquecida das políticas do Goberno e esixen unha actuación inmediata para evitar que continúe o deterioro dun servizo público esencial para a veciñanza.