O PP de Lugo pregunta a PSOE e BNG como unha reparación de centos de miles de euros na cuberta do Paciño pode seguir tendo goteiras e non recorren á garantía

Antonio Ameijide sinala que a pesar de que hai poucas semanas que remataron os traballos de renovación da instalación, que tiveron un custo de 320.000€, “semella que non se solucionaron problemas enquistados dende hai moitos anos”.

A Deputación de Lugo vén de contratar traballos de reparación na cuberta dos Anexos do Pazo dos Deportes, popularmente coñecidos como Paciño, despois de comprobar como a pesar das reparacións efectuadas “hai numerosas goteiras na instalación cada vez que chove”.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, agarda que estas traballos, contratados por un importe de 580,80€, sirvan “para dar unha solución definitiva” aos problemas existentes dende hai anos neste pavillón que cada día empregan centos de lucenses para os seus adestramentos e para encontros oficiais nas fins de semana.

Ademais, o voceiro popular pregunta ao goberno provincial de PSOE e BNG “por que teñen que recorrer a unha contratación para solucionar estes problemas e non se lles dá unha solución a través da garantía que teñen todas as obras xa que queda claro que non se solucionaron os problemas existentes dende un principio”.

PROBLEMA ENQUISTADO

Antonio Ameijide recorda que hai moitos anos que tanto os pais e nais dos rapaces que adestran nestas instalacións como o propio Partido Popular veñen reclamando a PSOE e BNG solucións para unha dotación que “debería de ser un lugar idóneo para os adestramentos e os encontros e que en realidade xerou moitos máis problemas dos que solucionou”.

O último exemplo foi a borrasca Olivier que “deixou en evidencia que a reforma do Paciño rematada hai poucas semanas foi unha chapuza, tal e como advertimos dende o Partido Popular”, xa que nesa xornada dende que comezou a chover a auga non parou de entrar con moita facilidade no interior destas instalacións.

Uns traballos dos que presumiron PSOE e BNG e que tiveron un custo de 320.000€ “a pesar de que semellou que todo quedou igual que antes”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios