O Festival Aturuxo de Bravos (Ourol) comeza a conta atrás para a súa décimo cuarta edición cunha festa de presentación que terá lugar este sábado 13 de xuño no café-bar cultural A Sacabeira, en Sargadelos (Cervo). Organizada pola asociación cultural Aturuxeiros de Bravos, a xornada servirá para dar a coñecer a imaxe desta nova edición e reunir á comunidade que, ano tras ano, fai posible este encontro cultural de referencia na Mariña.
Descubre más noticias musicales como ésta
A programación arrancará ás 19:30 horas coa presentación oficial do cartaz da XIV edición do festival, un primeiro avance das novidades e da filosofía que marcarán a cita deste ano. A partir das 20:30 horas, a celebración continuará coa actuación en directo de ALOVAI, que poñerá a banda sonora a unha noite pensada para gozar en comunidade e seguir fortalecendo os vínculos arredor do proxecto Aturuxo.
A festa contará ademais con sorteos e merchandisingoficial do festival, así como cunha oferta gastronómica para todos os públicos, con churrasco e opción vegana á venda durante toda a velada. A entrada é libre e aberta a todas as persoas que queiran achegarse a coñecer as novidades do festival e compartir unha tarde de música e cultura.
Esta festa de presentación marcará o inicio da conta atrás para unha nova edición do Festival Aturuxo, que se celebrará os días 17 e 18 de xullo no seu habitual recinto de Bravos (Ourol). O cartel deste ano reunirá algunhas das propostas máis destacadas da escena musical galega actual, con actuacións de formacións da Mariña como Tumba e Dalle e Pandeireteiros do Inferno, ademais de nomes de referencia do panorama galego como A Banda da Balbina, Vimbio e a ourolesa Sabela. Durante o acto daranse a coñecer a programación completa e os detalles dunha edición que volverá converter Bravos nun punto de encontro para a música, a cultura e a convivencia no rural.