A Laracha converterase no epicentro do paraciclismo e do ciclismo de base acollendo a Atlantic Paracycling Challenge e a Copa Galicia

Os días 27 e 28 de xuño, nas que serán unha cita internacional puntuable para os Xogos Paralímpicos e unha competición con promesas do ciclismo.

A Laracha será protagonista do calendario deportivo os próximos días 27 e 28 de xuño coa celebración da Atlantic Paracycling Challenge 2026 e da Copa Galicia Gran Premio NeuroImpulse, dúas competicións que organiza o Club Ciclista Riazor e que situarán ao noso municipio no centro do paraciclismo internacional e do ciclismo de formación.

A presentación oficial das probas tivo lugar hoxe na praza da Areosa de Vilaño, un dos escenarios importantes de ambas competicións. No acto participaron representantes da organización e tamén do Concello da Laracha e da Deputación da Coruña, institucións colaboradoras do mesmo xeito que a Xunta de Galicia.

A Atlantic Paracycling Challenge é unha proba internacional de paraciclismo de categoría UCI C1 que permitirá aos participantes sumar puntos para o ranking internacional e para a clasificación dos Xogos Paralímpicos de Los Angeles 2028. A competición desenvolverase en dúas xornadas, cunha proba en ruta o sábado e unha contrarreloxo individual o domingo, con percorridos que discorrerán polo núcleo urbano da Laracha, a parroquia de Vilaño e tamén por Caión, ademais do veciño municipio de Carballo.

A cita reunirá deportistas de primeiro nivel procedentes de diferentes países. Ademais da representación nacional, xa está confirmada a participación de corredores e delegacións de Emiratos Árabes Unidos, India, Dinamarca e Australia, entre outros, consolidando a proba como unha das referencias do paraciclismo no ámbito estatal.

De forma paralela celebrarase a Copa Galicia Gran Premio NeuroImpulse, destinada ás categorías de escolas, infantís e cadetes, ofrecendo ás novas xeracións do ciclismo galego a oportunidade de competir nun evento de primeiro nivel e compartir espazo con destacados paraciclistas internacionais.

Durante a presentación, o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, expresou a satisfacción do Concello por acoller unha competición destas características e reafirmou o compromiso municipal coa súa organización. “É unha satisfacción que A Laracha poida volver ser escenario dunha proba deste nivel. Trátase dun evento moi importante polo seu carácter internacional e polo feito de ser puntuable para os Xogos Paralímpicos, o que reforza aínda máis o seu interese e relevancia”, destacou. O rexedor tamén agradeceu o traballo organizativo do Club Ciclista Riazor para facer posible a celebración do evento.

Pola súa parte, o deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, destacou os valores que representa a competición. “Este evento reúne deporte base, inclusión, solidariedade e superación, todo o que o deporte leva consigo”, sinalou. Ademais, animou á veciñanza a participar activamente e apoiar aos deportistas desde as rúas e estradas do percorrido.

Lucía Pérez, presidenta do comité organizador, agradeceu o apoio institucional recibido e destacou a resposta do pelotón internacional. “Estamos moi contentos coa acollida da proba e coa presenza de corredores de diferentes países. O noso obxectivo era unir o ciclismo base e o paraciclismo para crear unha xornada de convivencia e dar maior visibilidade a esta modalidade deportiva”.

No mesmo sentido pronunciouse Iván Montero, director do Club Ciclista Riazor e tamén participante na competición, quen incidiu na importancia estratéxica do evento para o futuro desta disciplina. “Este é un primeiro paso para consolidar unha proba que queremos que medre ano tras ano e que se converta nun referente internacional do paraciclismo, atraendo cada vez máis deportistas e contribuíndo a dar a coñecer A Laracha e a comarca de Bergantiños máis aló das nosas fronteiras”.

A celebración destas dúas competicións reforza a aposta municipal pola promoción do deporte inclusivo, o apoio ao ciclismo de base e a organización de eventos de alto nivel capaces de atraer participantes e visitantes de diferentes procedencias. Durante toda a fin de semana do 27 e 28 de xuño agárdase a presenza de centos de deportistas, acompañantes, voluntarios e afeccionados.

Comparte éste artículo
No hay comentarios