O Concello de Lugo ten xa preparado o programa de actos da tradicional Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, unha das cerimonias máis singulares e representativas da historia de Galicia, que se celebrará esta fin de semana, os días 13 e 14 de xuño.
Este ano será o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, o encargado de realizar a Ofrenda, asumindo a representación dunha das sete antigas capitais do Reino de Galicia nun acto que se celebra de maneira ininterrompida en Lugo desde o século XVII.
Os actos comezarán o sábado 13 de xuño coa celebración das solemnes Vésperas na Catedral de Lugo, ás 19.30 horas, ás que asistirán representantes institucionais e autoridades convidadas.
O acto central terá lugar o domingo 14 de xuño. O programa comezará ás 10.15 horas coa recepción oficial na Casa do Concello dos representantes das cidades do Antigo Reino de Galicia. Ás 10.30 horas terá lugar a sinatura no Libro de Honra por parte do Sr. Delegado Rexio e, ás 10.40 horas, iniciarase a procesión cara á Catedral.
Ás 11.00 horas celebrarase a solemne misa na Catedral de Lugo e, unha vez rematada, ás 12.15 horas, terá lugar a tradicional procesión.
A este evento asistirán a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, xunto cos representantes das antigas cidades do Reino de Galicia: A Coruña, Betanzos, Mondoñedo, Ourense, Santiago de Compostela e Tui, ademais doutras autoridades civís, militares e relixiosas.
Cómpre lembrar que a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia foi declarada Ben de Interese Cultural, un recoñecemento que avala o seu extraordinario valor histórico, patrimonial e identitario. Esta declaración encaixa plenamente co modelo de cidade que defende o Goberno local, baseado na posta en valor do noso patrimonio, das nosas tradicións e daqueles elementos que fan de Lugo un destino único desde o punto de vista cultural e turístico.
A Ofrenda constitúe unha das grandes singularidades da cidade e unha expresión viva da historia de Galicia. Por iso, o Concello considera fundamental preservar, promover e transmitir ás futuras xeracións unha tradición que representa unha parte esencial do noso pasado, do noso presente e tamén do noso futuro.
Neste sentido, o Concello anima á cidadanía a participar nos actos programados e a descubrir unha tradición única que só se conserva en Lugo, convertendo a cidade no punto de encontro das antigas capitais do Reino de Galicia e nun referente do patrimonio histórico e cultural galego.