Elena Candia lamenta que a elección da sede da Axencia Estatal de Saúde Pública responda a criterios políticos

A Alcaldesa do Concello de Lugo, Elena Candia lamenta profundamente a decisión do Goberno de España de designar Zaragoza como sede da Axencia Estatal de Saúde Pública, deixando fóra unha candidatura lucense que reunía méritos obxectivos, alta capacidade técnica e un amplo respaldo institucional.

Para o goberno local, esta resolución supón un novo desprezo á cidade e confirma que o proceso de selección estivo condicionado por intereses políticos, afastándose da obxectividade e do rigor que debían presidir unha decisión desta relevancia.

A proposta de Lugo ofrecía argumentos sólidos e diferenciadores fronte a outras opcións:

  • Excelencia técnica: O Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, referente no seu ámbito.
  • Potencial investigador: O Campus Terra da USC, coa Facultade de Veterinaria como centro de excelencia internacional.
  • Reequilibrio territorial: Unha localización que cumpría fielmente cos principios de cohesión e descentralización que o propio Executivo central dicía perseguir.

Resulta especialmente preocupante que Lugo vexa frustrada unha nova oportunidade estratéxica tras presentar un proxecto rigoroso e solvente. Esta decisión evidencia, ademais, a incapacidade do PSOE lucense para facer valer os intereses dos veciños e veciñas ante o Goberno de Pedro Sánchez.

Lugo non pedía un trato de favor; esixía que se valorasen con xustiza os méritos duns recursos técnicos e científicos indiscutibles. A elección de Zaragoza é unha oportunidade perdida para o país e unha mostra máis da falta de compromiso do Executivo central coa nosa cidade.

Comparte éste artículo
1 comentario