Miguel Fernández: “Candia abre as portas aos coches no corazón peonil de Lugo”

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, denunciou hoxe a situación de descontrol que se está a producir nos accesos ao centro histórico de Lugo pola ausencia de vixilancia e control policial nas zonas de nova peonalización, especialmente nas rúas Quiroga Ballesteros e Santo Domingo.

O líder socialista advertiu de que durante as últimas semanas se está a producir unha presenza crecente de vehículos circulando e estacionando en espazos que foran recuperados para o tránsito peonil durante o anterior mandato. Segundo explicou, o teléfono do Grupo Municipal Socialista está a recibir numerosas chamadas e mensaxes de veciños, comerciantes e usuarios denunciando esta situación desde primeira hora da mañá. “Hoxe mesmo, desde as 9:40 horas, estamos recibindo avisos constantes de persoas preocupadas polo volume de vehículos que están accedendo e ocupando espazos que deberían estar reservados para os peóns”, explicou.

Fernández lembrou que o anterior Goberno municipal implantara un dispositivo específico da Policía Local para controlar os accesos ao centro histórico, reforzado de maneira especial durante os días de mercado, cando a afluencia de persoas á zona aumenta considerablemente. “Existía unha planificación clara, unha presenza visible de axentes e un control efectivo dos accesos. Iso permitía garantir o cumprimento das restricións e consolidar un modelo de cidade máis amable, máis accesible e máis favorable para a actividade económica e social”, sinalou.

O portavoz socialista considera que a desaparición destes controis está a provocar unha ocupación progresiva do espazo público por parte dos vehículos e unha deterioración evidente do proxecto de peonalización impulsado durante os últimos anos. “Non estamos ante unha cuestión menor. O que está en xogo é o modelo de cidade. A presenza masiva de vehículos nun espazo pensado para as persoas afecta negativamente á actividade comercial, ao uso recreativo das rúas, á calidade residencial e á propia imaxe do centro histórico”, afirmou.

Miguel Fernández criticou que o Goberno de Candia estea permitindo esta situación por simple abandono das súas responsabilidades. “Non fai falta aprobar ningún gran proxecto nin realizar investimentos millonarios. Basta con manter os dispositivos de control que xa funcionaban e garantir o cumprimento das normas ata a aprobación definitiva da ordenanza. O problema é que estamos ante un Goberno que parece máis preocupado pola propaganda que pola xestión diaria”, asegurou.

Neste sentido, Fernández reclamou a recuperación inmediata do plan especial de control de accesos que funcionou durante o anterior mandato e que, ao seu xuízo, debe manterse operativo ata a entrada en vigor da nova ordenanza reguladora. “É imprescindible recuperar xa a presenza policial nos puntos máis sensibles e evitar que esta situación continúe deteriorándose día tras día”, insistiu.

O portavoz socialista tamén aproveitou para reclamar ao Goberno local que non poña en risco os prazos de aprobación da futura ordenanza de accesos ao centro histórico. “Esa norma debe estar plenamente aprobada e en vigor antes de que remate o período estival. Lugo non pode permitirse máis atrasos nin máis improvisación nun asunto tan importante para a mobilidade e para o futuro do centro da cidade”, advertiu.

Finalmente, Miguel Fernández acusou a Candia de estar desmontando por omisión unha das transformacións urbanas máis importantes desenvolvidas nos últimos anos. “Custou moito esforzo avanzar cara a unha cidade máis humana, máis accesible e máis pensada para as persoas. O que non imos permitir é que a falta de control e a deixadez do actual Goberno poñan en risco todo ese traballo. Lugo merece consolidar os avances acadados, non retroceder”, concluíu.

Comparte éste artículo
No hay comentarios