As xogadoras do Santo vencen a Pontumio por 48-75 nun tenso partido.
Partido para lembrar o celebrado no serán do venres en Pontedeume. Sobrepoñéndose a un ambiente tremendamente adverso -tanto polos máis de 30o de temperatura como pola presión nas bancadas- o equipo de Javier Codesido e Alía Ortega conseguiu sumar a segunda vitoria na Fase de Ascenso a Primeira División por 48-75 e así encabezar a “liguilla” do seu grupo a falta dunha xornada.
O encontro, malia o resultado final, foi máis complicado do que poida parecer. Cun rival que xogaba o partido a un “todo ou nada” logo da súa derrota na primeira xornada contra Compañía María de Santiago, e que viu como descualificaban o seu adestrador por dobre técnica no 2Q, as betanceiras tiveron que sobrepoñerse á presión do público local e, despois de ver como a vantaxe inicial de 8-23 quedaba nun axustado 38-46 a mediados do 3Q, pór o uniforme de traballo e deixar as cousas claras con ese +27 que as sitúa en cabeza da clasificación a falta da última xornada.
Se as rapazas de Warnier queren ter claras as contas, por riba das cábalas ás que obrigaría unha tripla empate, xa saben o que teñen que facer: o martes 17 ás 20h, na pista de Riazor 2, na Coruña, só cabe a vitoria.
O rival, as compostelás de Compañía.
Derrota das cadetes de Decornaveira e PDC masculino 2015-16 e feminino 2016-2107
No que toca ao resto da xornada desta completa temporada 25-26, as cadetes de Decornaveira quedaron eliminadas en semifinais da Copa Premium da Coruña por 77-55, nun partido, marcado polas baixas (as betanceiras, dirixidas na ocasión por Inés Varela, tiveron que convocar ata catro xogadoras infantís) que tivo o seu punto de inflexión cun empate a 44, na metade do 3Q, cando as rapazas do Santo acabaron a gasolina.
A xornada completouse cunha xornada do Programa de Detección e Control (PDC) en categoría feminina (2016-2017) e masculina (2015-2016) da Coruña, no José María Valeiro Iglesias “Tocayo”, que contou cos adestradores do Santo Alía Ortega e Nico Lagares.