O Lugo é líder e único invicto do grupo tras o 3-1 ao Logroñés

O Lugo, que entrou mellor ao partido da xornada no grupo I de Primeira Federación, alzouse co triunfo diante do Logroñés, que chegaba á cidade amurallada como llíder e tamén invicto. Os ataques pola ona dereita do ataque e as finalizacións de Chiqui determinaron a vantaxe de dous goles a prol dos de Borja Fernández, que se viron cun máis pola pronta expulsión de Pedreño. Os locais complicaron o partido antes do descanso a apañar o gol de Anai e sufrir a expulsión de Álex Costa. No segundo tempo, o Lugo soubo esperar o momento e atacando sobre as costas de Palma lograron o definitivo 3-1 nun penalti sobre o mexicano que transformou Godoy.

Chiqui desequilibra

O Lugo quixo impoñer o mando desde o comezo e demorou cinco minutos en propiciar a primeira ocasión na ona na que se prevía faría máis dano se Lucero subía. O lateral interviu ofrecéndose a Palma para que dera un complicado pase entre dous rivais. O lateral recolleu a ousadía, pasou fácil a Dauda, que na vertical do poste xutou a rentes do pau.
O Lugo volveu propiciar o ataque pola dereita tres minutos despois. Lucero fixo o desmarque elíptico atraendo un defensa, Palma optou por un centro ao que non chegou Álex Costa, pero despistou a todos facilitando que Chiqui recollera no segundo pau e, tras driblar a Fermín, confirmara na liña o 1-0.
Unha falta lateral lanzada por Miguelete, que desviou a defensa, unha dura entrada de Kike a Berto Rosas na frontal da área e a execución da mesma por Miguelete, que foi desviada antes da escuadra por Marc Martínez, foron as respostas rioxanas nos seguintes cinco minutos. Pouco despois, nunha combinación na área entre Berto Rosas e Issman deixou ao canteirán rioxano enriba de Marc Martínez tras un mal control que propiciou a parada do meta.
O Lugo estaba atacando menos, pero cada vez que chegaba á frontal creaba perigo. No minuto 18, Pedreño agarrou na frontal a Álex Costa cando iniciaba o desmarque libre cara á área para coller un pase de Chiqui. O colexiado expulsou ao central visitante. Dauda lanzou a falta e mandou a bola a centímetros da escuadra.
Cun máis, o Lugo pasou a ter o control case absoluto da pelota e cociñou o partido sen présa, con algunha acción individual de Chiqui sen consecuencias. No minuto 37, os locais volveron a ter outra ocasión clara. Dauda disparou de primeiras un centro desde dereita e Fermín sacou o coiro cunha extraordinaria estirada. Foi a antesala do 2-0, que conseguiu Chiqui rematando en prancha outro centro desde a dereita un minuto despois.
O Lugo complicou o partido no treito final do primeiro tempo. No minuto 43, unha dura entrada de Pol Moreno foi castigada con cartón amarelo para o central. A falta, perto da frontal, foi lanzada por Miguelete, Marc Martínez sacou o balón da escuadra, pero o balón foi para Anai, que rebaixou a distancia.
Cando chegaba o prolongamento, Álex Costa reaccionou mal a unha falta de Bolo e empurrou ao central. O árbitro igualou numericamente aos equipos coa expulsión do xogador local.

Palma dá osíxeno ao Lugo

Cos dous centrais amoestados, Borja Fernández decidiu comezar a segunda metade co inexperimentado Hugo Pascual no campo. O central, que viñera do Burgos Promesas, só xogara dous minutos na primeira xornada.
O Logroñés comezou mellor o dez contra dez. No minuto 50, logo dun drible en progresión de Anai, Isma Santana voleou perto do traveseiro. Pouco despois, Marc Martínez reaccionou axiña para chegar a un balón polo que corría Berto Rosas na frontal da área pequena,
O Lugo foi entendendo que a súa opción estaba nos espazos que deixaba o rival xogando moi adiantado. Dauda probou unha vez a correr e caeu querendo provocar unha falta que o árbitro non concedeu. Logo, á contra, Chiqui serviu a Palma, pero o tiro do mexicano bateu nas costas de Camacho, No minuto 65 Palma volveu a entrar en duelo co lateral. Navarro derrubouno na área, Godoy lanzou o penalti, enganou a Fermín e subiu o 3-1.
Malia desvantaxe, o Logroñés non marchou do partido. Un centro de Papa Ba non atopou rematador e unha volea na área de Baselga foi desviada pola defensa local. No minuto 83, en pleno acoso visitante, Simón puxo a cabeza para preservar a portería ante un pelotazo a gol de Baselga. O Lugo, coa metade da defensa falta de experiencia, mantívose a flote.
Gran triunfo do cadro galego, que sube ao primeiro posto da táboa, desbancando ao Logroñés. Os galegos mantéñense como único equipo invicto do grupo. O único a lamentar foi a indisposición dun seareiro que debeu recibir atención médica ao remate do partido.

Ficha

LUNS 12/10/2026 (20,30) Campo: ÁNGEL CARRO (3.545)
C.D. LUGO : 3 – U.D. LOGROÑÉS : 1 (2‑1)

LUG : Marc Martínez; Lucero, Kike (Hugo Pascual D), Pol Moreno, Pere Haro (Simón 58’); Parrilla (Kevin 79’), Ulloa, Dauda (Godoy 58’); Palma, Álex Costa, Chiqui (Morchiladze 66’). Tre. Borja Fernández. (Banco: Embadje (g); Candal (g); Achore; Berzal; Mateo; Perera; Gallar).
LOG : Fermín; Navarro; Bolo; Pedreño, Camacho (Papa Ba 76’); Issman (Zabala 66’), Marí (Quique Rivero 66’), Miguelete (Baselga 62’); Isma Santana, Berto Rosas (Amigo 62’), Anai. Tre. Unai Mendia. (Banco: Taliby (g); José Val; Cabetas; Asenjo; Chinedu).
Goles: 1-0 Chiqui 8’; 2-0 Chiqui 38’; 2-1 Anai 43‘; 3-1 Godoy 65’(p).
Árbitro: Sánchez Sánchez (Estremadura). Auxiliares: Antolín Pérez e Melón Lanza. 4º árb.:Martínez Fernández .
Disciplina: CA: Kike 13’; Navarro 27’; Pol Moreno 42’; Quique Rivero 73’ // VD: Pedreño 18’; Álex Costa 44’.

Comparte éste artículo
No hay comentarios