Doce equipos de Galicia, Asturias e País Vasco compiten na III Carreira Greenpower das Pontes

A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), baixo o paraugas do Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC) e en colaboración coa Escudaría As Pontes motorsport, organiza, este xoves 18 de xuño, de 09:00 a 17:30 horas, no circuíto de karting pontés, a III Carreira Greenpower Galicia, un campionato non clasificatorio no que participan un total de 12 equipos nas categorías F24 (de 11 a 16 anos) e F24+ (de 16 a 25 anos) procedentes de distintos puntos da comunidade autónoma, de Asturias e do País Vasco.

O obxectivo desta carreira é o de percorrer a maior distancia posible, ou o que é o mesmo, dar o maior número de voltas ao circuíto, usando unha única batería eléctrica sen a posibilidade de recargala ou de cambiala durante o percorrido. Para iso, o estudantado de ESO, de Bacharelato, de FP e de universidade participante poderá usar un vehículo eléctrico construído a partires dun kit básico proporcionado por Greenpower Iberia no que se inclúen as rodas, os eixos dianteiro e traseiro, o chasis, o motor, así como un par de baterías, ou competir cun coche creado “desde cero”. Deste xeito, non gaña o equipo máis rápido senón aquel que conduce do xeito máis eficiente e sustentable posible.

Os equipos participantes na categoría F24, de 11 a 16 anos, terán que superar unha proba de resistencia de 90 minutos de duración no circuíto de karting situado no Concello das Pontes, cambiando de condutor ou condutora, de xeito obrigatorio, nalgún momento da proba. Os equipos participantes na categoría F24+, de 16 a 25 anos, deberán superar dúas probas de resistencia de 60 minutos de duración sen a obriga de mudar de condutor ou condutora do vehículo en ningún momento do percorrido.

Un ano máis, colaboran nesta iniciativa promovida pola Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) Greenpower Iberia, a Deputación da Coruña, o Concello das Pontes, o Concello de Ferrol, o grupo Intaf, a Carpintería Madesa das Pontes, o concesionario Renault Caetano Fórmula Galicia e Supermercados Gadis.

Como novidade, no marco desta III Carreira Greenpower Galicia, terá lugar a exhibición dun vehículo eléctrico potenciado por hidróxeno construído polo profesorado e o alumnado do CIFP As Mercedes de Lugo no marco do Proxecto de Innovación “Mobilidade de Hidróxeno Verde en FP” que impulsa a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, xunto co Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. Nesta iniciativa de innovación docente tamén participan o CIFP Río Tormes de Salamanca e o IES Virgen de la Paloma de Madrid.

A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) participará cun coche construído desde cero

Nesta III Carreira Greenpower Galicia, o EPEF Racing Team, correrá, por segunda vez, cun coche construído “desde cero”. Trátase dun vehículo eléctrico duns 80 quilos que leva un chasis autoportante feito de panel de sándwich con niño de abella. Nos últimos meses, ao alumnado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) implicado neste proxecto estivo a traballar na mellora do sistema de refrixeración e na tecnoloxía de telemetría do coche.

No ano 2024, o alumnado deste centro do Campus Industrial de Ferrol acadou o  premio á Best Engineered KitCar na I Carreira Greenpower Galicia e na Estrada Urban Race, a primeira carreira urbana de vehículos eléctricos da comunidade, organizada pola Xunta de Galicia e o Concello da Estrada. Tamén obtivo o terceiro posto na categoria F24+ no marco da Greenpower Iberia UPCT South-East, impulsada pola Escuela Técnica Superior de Ingeniería Industrial da Universidad Politécnica de Cartagena (UPCT). Xa no ano 2025, acadou o primeiro premio na II Carreira Greenpower Galicia na categoria F24+.

Listaxe de equipos participantes na III Carreira Greenpower Galicia

EquipoNomeCategoríaCentro
1Kastro Sport TeamsF24
F24+
IES Plurilingüe Castro da Uz (As Pontes de García Rodríguez, A Coruña)
2XunkartF24+CIFP A Xunqueira (Pontevedra, Vigo)
3EPEF Racing TeamF24+Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol EPEF – Universidade da Coruña UDC (Ferrol, A Coruña)
4CidercarF24
F24+
IES Peñamayor (Nava, Asturias)
5TT Racing NarónF24+IES As Telleiras (Narón, A Coruña)
6Baraka mugi 1F24+Baraka mugi taldea FP Barakaldo LH (Barakaldo, Bizkaia)
7Baraka mugi 2F24+Baraka mugi taldea FP Barakaldo LH (Barakaldo, Bizkaia)
8Carral TeamsF24
F24+
IES Carral (Carral, A Coruña)
9Antón Losada Motor SportF24+IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez (A Estrada, Pontevedra)
10Abrente GpF24+IES O Ribeiro (Ribadavia, Ourense)
11Race Teams PeñaveraF24Asociación Peñavera (Oviedo, Asturias)
12KartlongaF24+IES Vilalonga (Sanxenxo, Pontevedra)

F24 (de 11 a 16 anos) e F24+ (de 16 a 25 anos)

Foto: alumnado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) revisando o vehículo eléctrico co que competirán, este xoves 18 de xuño, na III Carreira Greenpower Galicia que terá lugar no circuíto de karting das Pontes.

Comparte éste artículo
No hay comentarios