O Concello de Lugo blinda o Arde Lucus cun plan de autoprotección actualizado e máis efectivos

A Xunta Local de Seguridade aprobou un plan adaptado á realidade actual da festa, reforzou a coordinación dos servizos de emerxencia e implantará novas medidas de prevención e atención ao público

Durante a reunión deuse conta da actualización do Plan de Autoprotección do Arde Lucus, elaborado para adaptar o dispositivo ás necesidades actuais da celebración e ás modificacións experimentadas no último ano nos espazos nos que se desenvolven as actividades.

A coordinación de todos os servizos realizarase desde un Posto de Mando Avanzado (hoxe mesmo a Axencia Galega de Emerxencias respondeu á solicitude que presentou o concello para  poder dispor deste equipamento), que estará coordinado polo director do Plan de Actuación, Juan González Coto, e permitirá centralizar a información e a xestión de calquera eventualidade durante os días da festa.

Co obxectivo de mellorar a atención ao público, habilitarase tamén un punto específico para a localización de menores na Praza da Soidade. Ademais, todos os campamentos contarán cun Punto Violeta en Casas Novoa para reforzar as accións de información, sensibilización e atención.

No ámbito da prevención de incendios, todos os espectáculos que inclúan lume disporán de dispositivos específicos de seguridade e medios de extinción adaptados ás características de cada actividade.

O dispositivo de emerxencias reforzarase coa ampliación dos efectivos do servizo de Bombeiros e da policía local, chegando a contar, nos horarios de maior afluencia con máis de 15 e de 20 efectivos, respectivamente,  na zona de influencia do evento.

 Elena Candia agradeceu o traballo de coordinación realizado por todas as administracións e corpos de seguridade implicados no operativo e destacou o compromiso compartido para garantir que o Arde Lucus continúe sendo unha festa segura, organizada e preparada para acoller a miles de persoas durante os seus días de celebración

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios